CULTURA

"Setembro do 75" reivindica a memoria de Xosé Humberto Baena, un dos últimos fusilados polo franquismo

27/11/2009 Cineuropa recupera a memoria do último galego executado pola ditadura de Franco, o vigués Xosé Humberto Baena, membro do Frente Revolucionario Antifascista e Patriota (FRAP) fusilado en setembro de 1975 durante os últimos estertores do réxime. Ás 21:00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia estarán o director deste filme documental, Adolfo Dufour, e Flor Baena, irmá de Xosé Humberto. Ambos os dous participarán no coloquio que sucederá á proxección do filme.

Dufour e Baena estiveron no acto de presentación do filme no marco de Cineuropa, do que deron conta a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director do festival, José Luis Losa. Baena fixo un emocionado repaso pola historia da súa loita para lograr o resarcimento legal da figura do seu irmán polos tribunais da democracia. Unha historia que iniciou o seu pai, continuou a súa nai e que, na actualidade, ela mesma encabeza.

]Setembro do 75 recrea o ambiente da loita obreira en Galicia nos anos do tardofranquismo, con especial atención a Ferrol e Vigo, onde vivía Baena. Presentada na pasada Seminci de Valladolid, recolle testemuñas de compañeiros de Xosé Humberto Baena e de intelectuais como Xosé Luis Méndez Ferrín ou Doris Benegas, avogada da causa. Os últimos fusilados do franquismo, só dous meses antes da morte do ditador, entraron nesa fase de amnesia histórica coa que se pretende enmascarar a dureza do réxime ata os seus últimos días.

José Luis Losa e Adolfo Dufour coincidiron en atacar calquera intento de edulcoramento da última fase do franquismo. "Quérese ver o tardofranquismo como unha "ditabranda", cando a realidade é que o réxime rematou do mesmo xeito sanguiñento co que comezou", dixo Losa. Dufour lembrou que unha democracia non pode considerarse a si mesma como limpa e tolerante cando tantas vítimas do franquismo seguen aínda sen recompensa. "Esta película trata de demostrar que non se poden poñer fronteiras á memoria nin ao esquecemento", dixo o realizador.

Setembro do 75 demostra como Baena non puido, en ningún caso, ser responsable dos delitos de terrorismo dos que foi acusado. No seu xuízo, que veu precedido de varias xornadas de torturas, nin sequera puido achegarse unha soa proba inculpatoria. Pero a sentenza condenou a morte a Xosé Humberto Baena e o réxime eludiu o indulto, desoíndo as peticións dunha morea de estados e organismos internacionais.

Limpar o nome de Xosé Humberto
A de Flor Baena é unha pelexa que nin o Tribunal Constitucional español, o Tribunal Internacional da Haia ou a Lei de Memoria Histórica serviron aínda para recompensar, debido ao carácter preconstitucional da sentenza contra Xosé Humberto. "Dende o momento en que non se pode xulgar aquilo que precede á Constitución ou á sinatura a prol dos Dereitos Humanos, as ditaduras quedan impunes só polo feito de selo", denunciou Dufour.

"Hoxe hai moitos estudantes universitarios que non teñen idea do que pasou naquel momento", laiouse Flor Baena, quen manifestou a súa esperanza de que este documental sirva para ampliar no posible ese coñecemento. O seu propósito único, en calquera caso, é o de "limpar o nome" do seu irmán, "para que figure por fin como o dun asasinado, e non o dun asasino".

Compartir: