EDUCACIÓN

O cartel dunha alumna de sete anos do colexio Vilas Alborada será a imaxe do Nadal de Compostela

27/11/2009 O Nadal de Santiago xa ten imaxe, tras fallarse o Concurso de Carteis de Nadal 2009. O debuxo de Sheila González Rodríguez, alumna de sete anos do Colexio Vilas Alborada, foi o gañador e será reproducido no cartel que identificará estas datas na cidade. Nesta edición participaron no certame máis de 1.100 traballos de 29 centros de ensino de diferentes niveis educativos.

O segundo clasificado foi o cartel de Lorena Zerevejo Pino, de 11 anos, que estuda no Colexio A Milagrosa . Un traballo comunitario de Lola Fernández, Sabela López, Uxía Méndez e Raquel Mourón, alumnas de catro anos do CEIP Ramón Cabanillas fíxose co terceiro premio. Os accésit foron, respectivamente para María Crujeiras Ríos, de 10 anos (CEIP Pío XII); César Casal Iglesias, de 7 anos (Colexio Vilas Alborada) e Jorge Candama López, de 10 anos (Colexio Compañía de María).

Estes cinco traballos ilustrarán o programa coas actividades preparadas para este Nadal. Ademais, tanto os carteis premiados coma os finalistas, ata un total de 200, expoñeranse no Multiusos Fontes do Sar, no marco dunha nove edición de Nadalxogo.

Os gañadores do Concurso de Carteis de Nadal 2009 foron elixidos por un xurado integrado por seis escolares de diferentes centros de ensino do municipio, por tres representantes do Concello e por un profesional do deseño. A contía económica do concurso é de 960 euros, dos que 360 recaen no primeiro premio (240 para o autor do debuxo e 120 para o centro no que estude). O segundo cartel recibe 240 euros (150 e 90) e o terceiro 180 euros (120 e 60). Aos accésits correspóndenlles 60 euros.

Nesta edición, os centros educativos participantes foron: Apóstolo Santiago, Fontiñas, Monte dos Postes, Vite, Rodríguez Xixirei, Roxos Villestro, Pío XII, Quiroga Palacios, Ramón Cabanillas, Colexiata de Sar, Raíña Fabiola, Lamas de Abade, A. Casas Novoa, Junior’s, Peleteiro, Compañía de María, A Milagrosa, San Francisco Xabier, Vilas Alborada, Divino Mestre, La Salle, Nosa Sra. Dos Remedios, San Xurxo e Xuventude, así cómo as escolas infantís de Conxo, Fontiñas, San Roque, Cativos e Os Pequerrechos.

Compartir: