ALCALDÍA

O anterior edificio da Tesourería da Seguridade Social acollerá o centro de atención aos peregrinos durante 2010

27/11/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que a Dirección Xeral da Tesourería da Seguridade Social cedeu temporalmente o antigo edificio que esta entidade ocupaba na rúa da Acibechería . O inmoble será utilizado para a atención a peregrinos e visitantes durante o Xacobeo 2010.

Segundo xa anunciara con anterioridade, o edificio, colocado nunha zona estratéxica, moi próxima á Catedral, era idóneo para centralizar os diversos servizos de atención aos peregrinos e visitantes que chegarán á cidade durante o Ano Santo.

Satisfactorios datos turísticos
Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde tamén expresou a súa satisfacción polos últimos datos turísticos ofrecidos polo Instituto Nacional de Estatística, que cualificou como "excelentes no escenario no que estamos". Recordando un descenso medio en España do número de pernotacións entre o 7% e o 8%, indicou igualmente que "Santiago é a única cidade de Galicia que sube o número de pernotacións".

Considerou estas cifras como "motivo de orgullo" e froito do "traballo ben feito e en solitario neste 2009". Neste sentido, lembrou, "se Ryanair está voando é porque nós firmamos o convenio e porque pagamos nós".

Compartir: