ALCALDÍA

Dúas novas publicacións divulgan o pensamento político de Eugenio Granell

30/09/2009 Presentáronse na Residencia de Estudantes de Madrid dúas novas publicacións que teñen como protagonista a figura de Eugenio Granell. As obras levan por título Eugenio Granell: correspondencia cos seus camaradas del POUM e Artículos políticos de Eugenio Granell.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou estas dúas obras, claves para entender o pensamento político do artista. Ambos volumes son froito do traballo de investigación levado a cabo pola directora da Fundación Granell, utilizando principalmente o arquivo privado do artista, ademais de arquivos republicanos públicos e privados de Cataluña. Natalia Fernández incluíu na súa presentación dúas novas cartas que non puideron ser incluídas no volume da correspondencia, xa que foron atopadas recentemente.

Eugenio Granell volta do seu largo exilio americano e instálase en Madrid en 1985. A Residencia de Estudantes e o Círculo de Belas Artes, institucións cun papel indiscutible no fervedoiro político e cultural que caracterizaba ó Madrid da época, reciben cos brazos abertos aos intelectuais republicanos, como Granell, sen os que non se entendería a refundación da desfeita vida cultural do noso país. Un dos moitos actos do homenaxe que Madrid rende a Eugenio Granell tras o seu finamento ten lugar precisamente na Residencia de Estudantes, onde en febreiro do ano 2002 é analizada a obra literaria de Granell.

As dúas obras
Eugenio Granell: correspondencia cos seus camaradas del POUM é un compendio da correspondencia mantida entre Eugenio Granell e os seus camaradas do POUM dende o ano 1939, durante o seu primeiro exilio en Francia, ata os anos 90.

O volume abarca un amplo período da súa biografía, no que a carta é un vehículo fundamental de comunicación e cohesión para un grupo de persoas, os militantes do POUM, lacerados pola diáspora. Ademais máis de manter o grupo cohesionado e o partido activo, as cartas contribúen a manter vivo o debate intelectual. Un tema constante no amplo período cronolóxico que abrangue o libro é a defensa do ideario poumista contra os continuos ataques do estalinismo imperante.

Esta selección de cartas, constitúe, ademais, un testemuño do que supón padecer a condición de exiliado, achegándonos dunha forma reveladora ao lado humano de Eugenio Granell e máis dos seus camaradas de partido.

Artículos políticos de Eugenio Granell recolle unha selección de artigos de análise política firmados polo artista, que abarca unha extensa franxa temporal comprendida entre o ano 1932 – data na que á temperá idade de vinte anos, Granell sorprende coa madurez do seu discurso político- e 1987. Dá fe da importancia capital que a actividade política supuxo na vida do creador.

Esta escolla de artigos pretende achegar o lector ao pensamento político de Eugenio Granell, coñecido fundamentalmente pola súa faceta coma creador plástico e literario. É un testemuño da súa militancia incorruptible na esquerda trosquista e anti- estalinista.

O volume crea un percorrido cronolóxico a través do pensamento político de Eugenio Granell coma militante organizado. Tamén están presentes aqueles artigos que Granell firma en publicacións de diversa índole, nos que se reflicte a súa teimosía na defensa dos seus ideais, como se demostra en artigos publicados en Diario 16 ou no periódico El Mundo, durante os anos oitenta.

Compartir: