XUVENTUDE

O Ciclo Importa trae a Santiago a Sizzla, Skye Edwards e Jello Biafra

30/09/2009 O Ciclo Importa continúa a traer á cidade a artistas e grupos de renome internacional, en concertos únicos en Galicia e mesmo en España. Como anticipo do que chegará en 2010, os tres últimos meses de 2009 traerán as actuacións de Sizzla, Skye Edwards e Jello Biafra.

O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro presentou este novo ciclo de tres concertos, acompañado por Raquel Seijo, da promotora Sweet Nocturna. Ambos destacaron o éxito dos anteriores catro concertos do Ciclo Importa, con cheos en dous deles e case cheo nos outros dous.

A variedade de estilos deses catro concertos será o denominador tamén destas tres novas convocatorias, que traerán á Sala Capitol a Sizzla, Skye Edwards e Jello Biafra. Os tres darán en Santiago os seus únicos concertos en Galicia. Nos caso de Biafra é a primeira vez que visita España coa súa actual banda, The Guantanamo School of Medicine.

Sizzla, o 30 de outubro
O primeiro dos concertos terá lugar o venres 30 de outubro, ás 21:00 horas, na Sala Capitol. Os protagonistas serán Sizzla Kalonji & The Firehouse Crew. A maior estrela no firmamento do reggae xamaicano volve a España tras o seu paso en 2007.

A súa obra é unha viaxe épica e sentida ao longo de Rasta e a reflexión acerca da negativa e influínte corrupción de Babylon na comunidade, o rol da xuventude do gueto, a opresión da nación negra e a fe de Jah que habita nel.

Sizzla terá como teloneiro a Teflon, percusionista, teclista e frautista orixinario de St.Mary, no norte de Xamaica. As súas influencias máis próximas chéganlle de artistas como Sizzla Kalongi, Bob Marley, Capleton, Buju Banton, Cocoa Tea o Beres Hammond. Teflon só produce música conscious, música para elevar o espírito.

Skye Edwards
A seguinte cita musical será o venres 27 de novembro coa británica Skye Edwards, voz do grupo Morcheeba. Despois de case 10 anos ao fronte desta formación, iniciou a súa carreira en solitario buscando novos sons e sensacións.

Nesta nova etapa engaiola cun son que continúa as referencias de Morcheeba: electrónica, trip hop, downbeat…Melodías tranquilas e letras sen excesivas pretensións conforman un traballo compacto e delicioso. Chegará a España acompañada da súa propia banda, para repasar as súas cancións en solitario e algúns dos clásicos da súa antiga banda.

Compartirá escenario con Ximena Sariñana, a nova artista revelación mexicana do 2008, que sorprendeu a toda a escena musical coa súa fresca proposta chea de rock, pop e jazz. Co seu disco debut, Mediocre, logrou superar o disco de platino en México e foi nominada a diversos premios internacionais.

Jello Biafra
O sábado 12 de decembro tocará na Capitol Jello Biafra e a súa banda, The Guantanamo School of Medicine. Este músico estadounidense, punk e activista político, é sobre todo coñecido por ter sido o cantante e líder dos Dead Kennedys durante a primeira etapa de existencia da banda.

Despois de que o grupo se disolvera, converteuse nun solista e artista de palabra falada, lanzando numerosos álbums de ambos xéneros. O seu nome artístico é unha combinación da marca Jell-O e do nome do país de corta duración de Biafra, que intentou separarse de Nixeria en 1966. Jello Biafra creou o seu nome como unha combinación irónica dun comestible nutricionalmente pobre producido masivamente e dunha fame masiva. Será a primeira vez que Jello Biafra actúe en Galicia e tamén a súa primeira visita a España coa súa banda actual.

Os novos grupos, apadriñados en novos concertos
Xosé Baqueiro anunciou tamén que a Concellería de Xuventude está a preparar novos concertos cos que promocionar os grupos novos dos locais de ensaio municipais e gañadores do certame MúsicaXove. As formacións da cidade actuarán neste caso como teloneiros doutros grupos de renome galegos e españois. Os concertos celebraranse os xoves.

Compartir: