CULTURA E MEDIO AMBIENTE

A Bibliopiscina clausurouse cunha festa no Multiusos do Sar e cun balance de máis de 2.000 empréstitos

31/08/2009 A Bibliopiscina, unha iniciativa enmarcada dentro do programa de actividades Vive o Verán!, organizado polas concellarías de Cultura e Centros Socioculturais e de Medio Ambiente, pechou ata o próximo verán. E para rematar cun bo sabor de boca, a carpa pechou ao público cunha festa especialmente pensada para os máis pequenos, na que puideron gozar de balde de diversas actividades de lecer.

Os que se achegaron á carpa puideron acceder a un gran xogo da Oca con probas divertidas para que participaran nenos e nenas de todas as idades, xogos cooperativos por toda a piscina..., e puideron repoñer enerxías cunha merenda final á que estaban invitados todos os asistentes. A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, e o xerente do Multiusos Fontes do Sar, Santiago López Cuadrado, achegáronse ata a instalación para participar da clausura do evento.

Balance satisfactorio
Durante os meses de verán, a Bibliopiscina Fontes do Sar permitiu aos rapaces a posibilidade de achegarse á lectura -libros, cómics, guías, álbums, libros de entretemento… - mentres gozaban das actividades acuáticas, e aos adultos gozar de agradables momentos de lectura grazas á oferta de numerosos diarios e libros. A pesares da inestabilidade do tempo, o número de empréstitos totais superou considerablemente ao do ano anterior, xa que nesta ocasión se fixeron un total de 2.197 usos, mentres que no mesmo período do ano 2008 se fixeron 1.783.

No mes de xullo realizáronse en total 950 empréstitos, dos cales 351 foron libros e 599 foron xogos. No mes de agosto, cando a asistencia ás piscinas Fontes do Sar se incrementou debido ao bo tempo, o número de empréstitos foi de 1.247, dos cales 487 foron libros e os 760 restantes xogos.

Compartir: