ALCALDÍA

O alcalde compostelán denuncia decisións aeroportuarias da Xunta que "van contra os intereses de Santiago e de Galicia"

28/08/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou a súa preocupación polas decisións que o Goberno autonómico está a tomar en materia aeroportuaria e de promoción das liñas de baixo custo. Así, denunciou "a falta de decisións que está a provocar que compañías importantes tomen decisións como a de instalarse en Porto".

Sánchez Bugallo lamentou que as decisións que se están a tomar "vaian en contra dos intereses de Santiago e de Galicia". Segundo indicou, o actual modo de proceder "só pode levar a que Porto se converta na capital aeroportuaria de Galicia". Neste sentido, afirmou que as consecuencias serían negativas para Santiago, pero "demoledoras para outras zonas turísticas de Galicia".

Insistiu o alcalde en denunciar que a Xunta teña previsto diminuír a contía destinada á promoción das liñas de baixo custo e a repartir esta cantidade entre os tres aeroportos galegos. "Respectamos o que se faga en Coruña ou Vigo, pero non a costa de menoscabar o que xa temos e que funciona ben; non se trata de repartir a miseria, senón de alcanzar novos obxectivos para todos".

Decisións tomando como partida o xa existente
Para Sánchez Bugallo, "a Xunta ten que asumir a súa responsabilidade", tomando decisións que "deben tomar como punto de partida os acordos existentes", en referencia aos acordos vixentes con Ryanair, Air Berlín e Vueling. "Todo o que veña a partir de aí pareceranos ben", engadiu.

Lamentou tamén o rexedor municipal certas posicións negativas "cando se trata de temas que tocan a Santiago". Así, indicou que "todo o mundo asúmente o peso do sector da automoción e de Citröen en Vigo" e que "a aposta estratéxica de Coruña é o seu Porto Exterior, que vai supor máis de 320 millóns de euros a maiores dos previstos". "Pois o turismo é a nosa Citröen", dixo.

Ademais, recordou cifras que avalan a posición de referencia do aeroporto compostelán, como que en xullo medrara un 13% e en agosto tamén o vaia facer outro 10%. Deste xeito e en contraste coas cifras negativas do conxunto dos aeroportos españois, o de Lavacolla podería entrar en setembro en datos positivos.

Finalmente, referiuse á importancia turística de Santiago e a súa repercusión no resto de Galicia. "As cifras dinnos que o turista pasa unha media de cinco días en Galicia, dos que algo máis de dous está en Santiago e o resto pásao noutros lugares da Comunidade Autónoma".

Compartir: