ALCALDÍA

A Escola Infantil do polígono do Tambre, lista para a súa apertura

28/08/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que a Escola Infantil do polígono do Tambre estará lista o luns 7 de setembro para a apertura do curso 2009-2010. Esta será a cuarta escola infantil que entre en funcionamento en Santiago, despois das de Fontiñas, Conxo, e San Roque. A continuación virán as da praza da Constitución e a de Salgueiriños.

Sánchez Bugallo indicou que ao longo desta semana está previsto que se complete a instalación de todo o mobiliario, para que a Escola do Tambre estea lista o luns 7 de setembro. Ademais, o 8 de setembro, abriranse as plicas para a construción da seguinte escola infantil prevista, a da praza da Constitución.

O obxectivo do Concello é tamén redactar nos vindeiros meses o proxecto da futura Escola Infantil de Salgueiriños e así poder sacar a licitación a obra antes de rematar o 2009. Deste xeito, esta Escola podería abrir para o curso 2010-2011, quizais non para o seu comezo, pero si durante o mesmo. Esta obra está incluída no Plan Urban.

Obras a bo ritmo
Na súa primeira rolda de prensa tras a volta das vacacións de verán, o alcalde repasou tamén as obras en marcha na cidade e, en relación ás do Fondo de Inversión Local, indicou que "avanzan segundo o previsto, e mesmo algunha vai adiantada". Ademais, recordou que están abertas as plicas de dúas das obras do chamado convenio de travesías, a de Galeras-Vista Alegre e a da avenida de Castelao, ás que se presentaron 35 e 33 empresas, respectivamente.

A previsión é adxudicar estas dúas obras en outubro. O terceiro acceso á cidade a reformar neste exercicio, entre o Camiño Novo e a Rocha, terá aberto o seu concurso o 1 de setembro. Tamén preveu o alcalde que opte a esta obra un número importante de empresas.

Prioridades do novo curso político
Sánchez Bugallo apuntou cinco temas prioritarios para o novo curso político, un dos cales é a preparación do Xacobeo 2010. "En outubro queremos ter completados todos os elementos troncais da programación", afirmou.

Sobre as grandes infraestruturas, recordou que as obras da nova terminal están en marcha e que a empresa construtora está a traballar para reducir o prazo de execución das obras a 24 meses, coa meta de poder inaugura a nova terminal a mediados de 2011.

AVE e EDAR
Tamén en materia de infraestruturas, que "se está resolvendo razoablemente ben o das expropiacións" para a entrada do AVE na cidade e felicitou ao Ministerio de Fomento polo "esforzo de encaixe" realizado. Así, das 70 vivendas afectadas inicialmente previstas, finalmente quedouse en 22, das que 4 son a petición dos propios afectados.

Respecto á estación do AVE, subliñou que Fomento encargará este mesmo ano o contrato de redacción do proxecto. Por iso, recalcou a necesidade de que o Concello e a Xunta "adoptemos as decisións que permitan asinar o convenio" con ADIF. Todo co obxectivo de que en 2011 estean en marcha as obras.

Outra das grandes infraestruturas pendentes é a nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) e a rede de colectores. A previsión sobre a primeira, que custará finalmente uns 70,4 millóns de euros, é que o proxecto e a obra poidan ser licitados antes de final de ano. No caso dos colectores, están en plena construción, cun custo final de máis de 21 millóns de euros.

Plan Urban, emprego e atención social
O cuarto dos temas dos que falou o alcalde foi o Plan Urban, que se está comezando a executar xa neste segundo semestre de 2009. Con este fin constituíuse a oficina destinada ao Plan na Almáciga.

Finalmente, Sánchez Bugallo resaltou que seguirá sendo unha prioridade municipal todo o que ten que ver coa promoción do emprego e coa atención social. Neste sentido, expresou a súa preocupación pola previsible minoración do financiamento estatal aos concellos. "Levamos 30 anos sen tocar o financiamento dos Concellos e se agora se reduce un 20% a situación estaría moito peor e dificultaría moito a prestación de moitos servizos", indicou.

Compartir: