CENTROS SOCIOCULTURAIS

Un euro por unha hora de estudo para financiar proxectos educativos solidarios

31/10/2005 Baixo o lema "Se estudas cooperas... por unha hora do teu estudo destínase 1 € para un proxecto educativo nun país en vías de desenvolvemento" a ONG Coopera - Jóvenes para la Cooperación al Desarrollo, coa colaboración do Concello de Santiago, quere promover a interacción entre a solidaridade, educación e xuventude na nosa cidade.

Na III Olimpiada Solidaria de Estudo, que terá lugar do 2 de novembro ao 2 de decembro, permutaranse horas de estudo por euros para o equipamento dunha escola en Burundi, a construción dun centro de desenvolvemento comunitario en Costa do Marfil e dun fogar-escola para nenos orfos do tsunami en Anuradhapura, Sri Lanka.

Deste xeito, as horas de estudo dos mozos composteláns estarán patrocinadas por instituciones públicas e empresas privadas que achegan 1 € por cada unha.

O esforzo dos estudantes convírtese no diñeiro que permite financiar estes proxectos de axuda ao desenvolvemento destinado a proxectos de educación e formación profesional de mozos do Sur. Trátase de facer ver aos mozos que poden involucrarse co seu esforzo en proxectos de cooperación internacional, fomentando a solidariedade, o estudo, o esforzo, segundo explicou a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón. Xunto con Logroño, Santiago é unha das cidades que participan no proxecto onde máis aulas de estudo se unen a este programa, un total de 100 en todo o Estado.

A campaña comeza nunha época na que non hai exames intencionadamente, explicou David Chimeno, xerente de Coopera, a fin de que os rapaces se esforcen pensando nos demais. Para participar, só hai que achegarse a unha das salas de estudo habilitadas para actividade e dirixirse ao encargado da sala, que lle tomará os datos e o inscribirá na Olimpiada. Os estudantes non universitarios terán un pasaporte de estudo solidario para levar a conta das horas e euros acadados, e que conseguirá a través de papeis moeda (válidos por 1 e 1,5 euros).

Ademais das salas de estudo da Rede de Centros Socioculturais (bibliotecas dos centros socioculturais de Vite, Fontiñas, Conxo, A Trisca, Castiñeiriño), en Santiago participan o colexio maior A Estila, a asociación xuvenil Senra e doce bibliotecas da Unidersidade de Santiago. Nestas, as horas dos rapaces que se unan á campaña contabilizaranse a través da propia tarxeta universitaria de identidade, segundo explicou o director da Oficina de Voluntariado da USC, Javier Agrafojo, que ademais destacou o feito de formentar a participación solidaria desde a "vida cotiá" dun estudante.

Compartir: