CULTURA

O Festival dos Abrazos abre cun concerto gratuíto da Real Filharmonía no Auditorio

31/07/2009 O sábado 1 de agosto é o primeiro día da segunda edición do Festival dos Abrazos. Clasicismo e vangarda son os piares da xornada, coas actuacións de Sigma Project, António Gonçalves, Napalma e o concerto inaugural do festival: a Real Filharmonía de Galicia. Esta actuación, prevista para a praza da Quintana, trasladouse ao Auditorio de Galicia debido á ameaza de chuvia. Será ás 21:00 horas con entrada gratuíta ata completar o aforo.

Esta fin de semana prevese de tempo inestable, polo que é posible que a actuación do cuarteto de saxos de vangarda Sigma Project ás 20:00 horas na Porta da Música do parque de Bonaval se traslade á praza de Abastos, se chove no momento de comezar o concerto. Da mesma maneira, o grupo brasileiro/mozambicano de afrobeat Napalma actuará ás 23:30 horas na Zona C (xunto ao parque de Bonaval), e en caso de chuvia trasladarase á entrada do CGAC.

Programa do sábado 1 de agosto
Dende 1996, o público pode gozar dos concertos da Real Filharmonía de Galicia de outubro a xuño no Auditorio de Galicia. A do 1 de agosto é unha oportunidade singular: a gran orquestra da cidade abre o Festival dos Abrazos. Con Antoni Ros Marbá na dirección e Benjamin Schmid como violín, interpretarán pezas de Schumann, Saint-Säens, Ravel e Beethoven.

Ros Marbà é director titular desde o ano 2000 e profundou no repertorio do clasicismo e primeiro romanticismo que caracterizaba á Real Filharmonía, ademais de incorporar un repertorio internacional máis amplo que, de xeito singular, inclúe encargos a compositores galegos.

Pola súa parte, Sigma Project encargarase de abrir o Festisax, unha sección dentro do Festival dos Abrazos dedicada ao saxofón e organizada pola Asociación Cultural Música Viva da Comarca do Deza.

A música de vangarda soa a través dos instrumentos destes catro saxofonistas. Unidos pola actitude de busca, emprenderon un traballo de investigación constante, estudio e reflexión acerca do son que fai que o cuarteto nacido hai apenas dous anos goce xa de prestixio internacional. Un achegamento á música máis actual e innovadora resultado dunha actitude inconformista coa escola tradicional do saxofón. O cuarteto está composto por Andrés Gomis, Josetxo Silguero, José Miguel Cantero e Rodrigo Vila.

Tamén o sábado 1, na praza da Quintana, ás 23:30 horas, o portugués Antonio Gonçálves amosará unha creación dixital sobre o patrimonio. Trátase dunha proposta innovadora. O artista redeseña o patrimonio compostelán en tempo real. Co seu ordenador debuxa sobre as fachadas da Quintana para lograr un efecto sorprendente, aliado coa noite, a espectacularidade do espazo e a participación de composteláns e turistas. Chega a Compostela un espectáculo que xa foi presentado na Expo de Zaragoza 2008 e en cidades portuguesas como Faro, Tavira, Matosinhos, Olhão e Elvas.

Finalmente, Napalma trae a Compostela os ritmos de ida e volta entre Brasil e África. Abrazos Dixitais é unha sección do Festival dos Abrazos que trae a dj's que trazan abrazos entre diferentes culturas ou entre a música e a imaxe. Para abrir esta sección estará en Compostela Napalma. Letras en inglés, en portugués e en changana, un dialecto que comparten o sur de Mozambique e o norte de Suráfrica, acompañan o espontáneo intercambio de sons entre as dúas beiras do océano Atlántico, África e Brasil. Percusións tradicionais africanas e brasileiras mesturadas cos ritmos novos (e non tan novos) da música electrónica. Un cóctel explosivo que animará a primeira noite electrónica do verán compostelán.

Programa do domingo 2 de agosto
Para o domingo 2 de agosto está previsto un obradoiro de improvisación do Festisax. Celebrarase na praza de Salvador Parga ás 12:00 horas. Esta é a primeira intervención pública dos participantes no obradoiro de improvisación do curso internacional de saxofón Merza 09. Son alumnos e alumnas dirixidos por Jose Miguel Cantero no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.

Compartir: