CULTURA

Don Quixote, protagonista dun concerto da Real Filharmonía de Galicia

31/10/2005 O xoves 3 de novembro ás 21.00 horas no Auditorio de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave, renderá homenaxe á obra de Miguel de Cervantes Don Quixote da Mancha interpretando as obras de Telemann, Don Quixote (Suite); de Gerhard, Danzas de Don Quixote e de Falla, El retablo de Maese Pedro. Para a ocasión se contará coa colaboración das voces de Carmen Gurriarán, soprano; Miguel Bernal, tenor, Augusto Brito, barítono e a representación escénica por conta de Os Monicreques de Kukas.

O programa do vindeiro xoves 3 presenta tres visións musicais deste viaxeiro marabilloso que foi Don Quixote: a descriptiva e cortesá de Telemann; a máis tópica, que atende a seus rasgos externos, de Gerhard, e a poética de Falla, que vai polo camiño dos conceptos e as ideas.

A suite de Telemann escrita para orquestra de corda e continuo que se executa habitualmente, é unha selección de episodios que reflicten diferentes momentos do libro e neles, escritos con carácter de entretenimento e disfrute cortesán, atopamos con boa sensibilidade un tratamento espontáneo que tanto reflicte sentimentos galantes (Les Soupirs amoureux après la Princesse Dulcinée), contrastes rítmicos, pasaxes pastoris, efectos case de pantomima no manteo de Sancho ou pequenas pinceladas onomatopéyicas.
Un esquema en todo caso descriptivo, alegre, desenfadado, de puro espectáculo, que nada ten que ver con os plantexamentos que fan Manuel de Falla e Robert Gerhard no século XX.

Manuel de Falla conclue e estrea en París El retablo de maese Pedro, obra caudal da música española e europea do século XX. Manuel de Falla recebe en 1918 o encargo da Princesa de Polignac de traballar nunha obra que, pronto decide, será este Retablo que basa no texto de Cervantes, no episodio da Venta no que o titiriteiro maese Pedro desenvolve ante os alí presentes (Don Quixote e Sancho entre eles), a historia da libertade de Melisendra… A obra, que xoga constantemente con dúas dimensións da escena, con dous tempos polo menos, tende á deshumanización, a arte en sí, e alterna personaxes humans, racionais, como maese Pedro, ou máis teatrais como o Trujamán, ou definitivamente fantásticos coas marionetas que representan as aventuras do cabaleiro Don Gayferos que sae en busca da súa amada Melisendra.

Cando Falla traballaba nesta obra, Robert Gerhard lle visitou en Granada para recibir os seus consellos. Situado no exilio en Inglaterra, un dos seus primeiros traballos musicais é esta música para ballet sobre Don Quixote, de 1940-41, na que, avanzando desde os seus procedementos seriais, introduce o elemento popular español. Gerhard propón un desdobramento, pero o fai no tratamento musical da figura do protagonista (sentido común e locura; sensatez e alucinación), sobre o que el mesmo fixo unha serie de reflexións.

Compartir: