TURISMO

Comezan os voos directos a Roma e Frankfurt

28/10/2005 A liña británica de baixos custes Ryanair enlazará ao aeroporto de Lavacolla con Roma desde o domingo 30 de outubro e con Frankfurt desde o 1 de novembro, data na que tamén comeza a operar o voo diario de Air Berlín vía Palma de mallorca a catorce cidades alemás, suízas e austríacas.

O domingo 30 de outubro, coa chegada do primeiro avión de Ryanair procedente de Roma, quedará inagurada no aeroporto de Lavacolla a conexión Roma-Santiago-Roma, que terá unha frecuencia de catro voos á semana, os luns, mércores, venres e domingos.

A continuación, desde o martes 1 de novembro, inciaranse os voos Frankfurt-Santiago-Frankfurt, que sairán todos os martes, xoves e sábados.

O martes 1 de novembro é así mesmo a data elixida pola compañía alemana Air Berlín para comezar a operar desde o aeroporto de Lavacolla.

O seu Boeing 737/800, que conectará a Santiago con Palma de Mallorca, chegará á Lavacolla ás 16:25 horas, e sairá cara á capital balear ás 17:10 horas da tarde. Air Berlín e Turismo de Santiago proporcionarán máis información nunha presentación conxunta que terá lugar o día 7 de novembro.

Nos tres casos, os primeiros viaxeiros procedentes de Roma, Frankfurt e os 14 destinos de Air Berlín terán en Lavacolla unha benvida especial con música galega á pé de pista, e recibirán de Turismo de Santiago unha bolsa con folletos informativos sobre a cidade.

Voos a Roma e Frankfurt
As saídas de Ryanair desde Roma efectuaranse ás 17.25 h, con chegada a Santiago ás 20.20 h. De Lavacolla despegará o voo ás 20.45 h cara a capital italiana, onde aterrará ás 23.40 h. O avión de Frankfurt, pola súa parte, sairá ás 10.00 h para chegar a Santiago ás 12.30 h e despegar 25 minutos máis tarde de volta a Frankfurt, onde estará ás 15.20 h.

Os prezos de partida por traxecto son de 1,99 euros máis taxas a Frankfurt, e 5,99 euros máis taxas a Roma para quen reserve antes en Ryanair e obteña as prazas de prezo máis reducido. O prezo medio é, nambos casos, duns 40 euros.

Os voos de Ryanair poderían pasar a ser diarios se satisfan as expectativas da liña aérea, que aspira a mover uns 65 mil pasaxeiros anuais entre a capital italiana e Santiago, e uns 40 mil desde e cara a Frankfurt. Dado o éxito do voo diario a Londres, non se descartan sucesivas ampliacións de operacións para conectar Santiago con Milán, Bruxelas, Dublín e os Países Escandinavos.

Compartir: