CIDADE HISTÓRICA

Os veciños da rúa de Belvís poderán estacionar na zona durante os dous meses e medio que teñan cortado o acceso aos seus garaxes

30/06/2009 O proxecto de reurbanización da Rúa de Belvís significa unha importante operación de dignificación da zona que, entre outras actuacións, potenciará o miradoiro como un espazo de uso público acorde co valor histórico e arquitectónico do Mosteiro. Ao finalizar as obras, ademais de novos pavimentos e calzadas, o barrio terá un novo espazo de lecer, para ser aproveitado pola veciñanza, con unhas espectaculares vistas da cidade vella de Santiago.

As obras están enmarcadas dentro do Plan FIL, supoñendo máis de 700.000 euros de investimento; polo tanto estarán acabadas antes de finais de ano. Actualmente ningún veciño ten cortado o paso ao seu garaxe, e ata que non estean habilitadas zonas de aparcamento alternativas non se realizarán estes cortes. O impedimento de acceso aos garaxes non se producirá durante a duración total das obras senón que será de só dous meses e medio.

A Concellaría de Cidade Histórica e Rehabilitación está a manterse un diálogo permanente cos residentes na rúa para explicarlles estas solucións e para recoller as súas posíbeis suxestións. O xoves 2 realizarase unha reunión entre Olga Pedreira e os afectados polas obras.

Para o mércores 1 está previsto que se habiliten 28 prazas de aparcamento para residentes na Rúa da Ameixaga, para que estes podan estacionar durante o día. Durante a noite permitirase o estacionamento gratuíto, á veciñanza da rúa, no aparcadoiro municipal de Belvís. Se ben estas medidas poderán ampliarse ou modificarse se na reunión entre a concelleira de Cidade Histórica e os afectados se acordan outras solucións para a zona de estacionamento.

O proxecto de reurbanización
O proxecto de reurbanización da Rúa de Belvís propón elevar o nivel da calzada e da zona próxima ao miradoiro para unificar o espazo e conseguir a percepción dunha praza con un uso prioritario para os peóns. Nesta zona o pavimento será de lousa de acorde coa arquitectura do Mosteiro, e ademais instalarase unha bancada ao pé do muro do miradoiro, e outra bancada que dividirá o espazo da calzada coa zona peonil, recuperando máis espazo para as persoas.

A reurbanización implica unha redución da zona de calzada ampliando o espazo das beirarrúas e primando os peóns sobre o transito rodado. A calzada será pavimentada con lastras excepto na zona onde as beirarrúas actuais son tan estreitas que non se pode ampliar, aquí nesta zona estreita colocarase só lousa para indicar aos automóbiles que é un espazo onde se conflúe cos peóns.

Nas zonas da rúa que son máis amplas manterase a diferenciación entre calzada e beirarrúa, aínda que a calzada manterá o seu pavimento de lastras nas beirarrúas combinaranse a lousa e o formigón, diferenciando a entrada das casas. Realizarase tamén un soterramento de todas as instalacións e cableados evitando sempre os cruzamentos aéreos e transversais á rúa.

Compartir: