ALCALDÍA

Santiago cede a presidencia bianual da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico á cidade francesa de Caen

30/06/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, despediuse como presidente da Conferencia das Cidades do Arco Atlántico no transcurso da súa X Asemblea Xeral. O seu lugar no Buró Executivo representando ás cidades españolas será ocupado pola cidade de Sevilla, mentres que na presidencia sucederalle o alcalde de Caen, Philippe Duron, seguindo o sistema de rotación bianual e de quendas en función dos cinco países que forman parte da Conferencia.

A Conferencia comezou a súa actividade oficialmente o día 7 de xullo de 2000, sendo fundada por iniciativa da cidade francesa de Rennes. Pola súa presidencia, ademais da cidade fundadora e de Santiago, xa pasaron as cidades de Xixón e a británica Cardiff, xusto antes que Santiago.

Na súa sesión de despedida, o alcalde destacou especialmente o feito de que esta rede de cooperación entre cidades, localizadas xeograficamente na mesma área e que comparten problemáticas similares, chegue no mes de xullo aos nove anos de vida, o que resulta significativo dado que unha das grandes fortalezas da Conferencia se sustenta na formulación de estratexias. Estas seguen os principios referendados na Carta de San Sebastián, inspirados na Carta de Leipzig e no Tratado de Lisboa e nas propostas elaboradas en resposta ás grandes consultas europeas como o Libro Verde da Rede de Transportes Europea.

Sumar apoios
A respecto destas potencialidades, Sánchez Bugallo propúxolles aos seus socios do Arco Atlántico sumar apoios de cara a lograr una voz única en Europa, creando unha rede de redes que agruparía á Unión de Cidades Bálticas, ás Cidades Mediterráneas, ás Cidades do Adriático, ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e á recentemente creada Rede Ibérica de Asociacións Transfronteirizas. O obxectivo desta rede será constituírse como importante grupo de presión ante a Unión Europea, co obxectivo de ser recoñecida como mesa de diálogo e interlocutor válido para as institucións europeas, co fin de conseguir un aumento de fondos para as cidades, neste especial contexto de crise económica e financeira a nivel mundial, xusto cando toca negociar as partidas orzamentarias para o período 2014-2020.

Máis adiante estudaríase a creación de grupos de traballo sectoriais interredes e a participación en proxectos de cooperación conxuntos de carácter xeral e tamén específicos dirixidos a convocatorias concretas de programas europeos. Outra tarefa importante sería a de transmitir experiencias e boas prácticas desde as redes con máis tempo e maior desenvolvemento ás redes que se vaian incorporando; así como traballar en proxectos de investigación conxuntamente con universidades e centros de investigación das cidades participantes nas distintas redes.

Entre as cidades españolas que forman parte actualmente da rede están Avilés, Las Palmas de Gran Canaria, A Coruña, Vigo, Xixón, Donostia, Burgos, Sevilla, Dos Hermanas, Xerez, e proximamente incorporarase Santander.

Medalla da vila de Caen
O luns 29, na recepción oficial que tivo lugar no Concello de Caen, o alcalde recibiu a medalla da vila e asinou no libro oficial da cidade, como os seus homólogos de Figueira da Foz e Rennes e o secretario xeral da Conferencia, Xabier Guizard, que se despide nesta Asemblea.

Compartir: