XUNTA DE GOBERNO

Convenios con once entidades sociais por case 69.000 euros

30/06/2009 A Xunta de Goberno aprobou a sinatura de convenios con once entidades sociais, cunha achega total de preto de 69.000 euros. Entre outros asuntos, tamén se ratificaron inicialmente 47 axudas para rehabilitación de vivendas por valor de máis de 240.000 euros.

A contribución municipal ás once entidades sociais referidas alcanza os 68.824 euros. Os convenios subscríbanse coa seguintes entidades: Fundación Secretariado Xitano, 19.700 euros; Asociación Internacional Teléfono da Esperanza (ASITES), 2.200 euros; Asociación Galega para a Asistencia e Investigación dos trastornos da personalidade (TP-Galicia), 2.200 euros; Asociación Cultural Galega para a Formación Permanente de Adultos, 2.200 euros; Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA), 3.606 euros; Centro Cultural-Social Xoán XXIII, 20.208 euros; Seminario Galego de Educación para a Paz, 1.700 euros; Asociación de Pais de Persoas con Trastornos de Espectro Autista (ASPANAES), 3.100 euros; Asociación de Persoas Xordas de Santiago, 8.500 euros; Down Compostela, 2.705 euros; e Asociación Compostelá de Esclerose, 2.705 euros.

Tamén en materia de Benestar Social, aprobouse a solicitude dunha subvención de 16.970 á Secretaría Xeral de Emigración para os programas de Acollida e Acollida Especializada. Igualmente, demándase á Secretaría Xeral de Igualdade outra axuda, neste caso de 20.000 euros, para programas experimentais e innovadores en materia de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

O Goberno local tamén deu o visto bo á realización, xunto coa Fundación RAIS, dun estudo diagnose referido á situación das persoas sen fogar do Concello. O custo deste traballo é de 15.484 euros. Ao respecto doutro dos programas municipais deste Departamento, o de Educación en Rúa, desenvolvido dende o Punto de Atención de Servizos Sociais en Fontiñas, acordouse a prórroga do contrato da empresa que o leva a cabo ata o 10 de setembro, por importe de 14.816 euros.

Cidade Histórica
No ámbito da Cidade Histórica, a Xunta de Goberno aprobou inicialmente 47 axudas para a rehabilitación de vivendas, por un importe total de 240.210 euros. Estas obras afectan a inmobles nas rúas Rosario, Conga, Costa do Vedor, Tras Salomé, Casas Reais, Pescadería Vella, Pombal, Hortas, corredoira dos Cornos, Xazmíns, Altamira, ruela das Fontiñas, Algalia de Arriba, Raxoi e campo de San Clemente

Ademais, aprobouse e iniciouse o expediente para contratar os proxectos de execución e estudos de seguridade das obras de reurbanización da zona das Hortas (ámbito das rúas Raxoi, San Clemente e Trindade na parte non incluída no FIL) e da zona do Cruceiro do Gaio (ámbito das Hortas-rúa Cruceiro do Gaio). Os importes de licitación son de 51.004 e 50.637 euros, respectivamente. Nos dous casos, tamén se inicia a contratación dos servizos de dirección facultativa e de coordinación de seguridade, por importe de 24.002 e 23.829 euros.

Reforma Administrativa
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi o inicio da contratación do subministro e posta en funcionamento dunha nova versión para este portal web do Concello de Santiago, cun tipo de licitación de 32.758 euros. Esta renovación traerá á páxina web un novo aspecto, modernos apartados de mobilidade ou xeolocalización da información e novos contidos gráficos e audiovisuais.

Urbanismo
En Urbanismo, deuse o visto bo inicial ao estudo de detalle na parcela H1 do Plan de sectorización do SUNP-25 de Roxos. O obxecto deste estudo é propoñer unha fragmentación espacial da parcela, proxectando a execución de dous volumes edificables e fixando aliñacións, rasantes alturas e volumes envolventes máximos.

Ademais, aprobáronse tres contas de liquidación definitiva de urbanización, correspondentes ao solo 37.1 de Costa Vella, á UA-14, 15, 17, 18 e 19 do Plan especial de reforma interior número 7 (PERI-7) de Ponte Pedriña, e ao solo 5 do polígono de Choupana. Finalmente, incorpóranse as modificacións ao texto da aprobación inicial da conta de liquidación da rúa da Queimada. Como resultado dos cambios no período de información pública, resultou un saldo bruto total de 235.279 euros e un saldo resultante neto total de 44.044 euros.

Compartir: