MERCADOS

Máis de 150 postos converten as rúas e prazas da Cidade Histórica nun mercado medieval

30/06/2009 Do 2 ao 5 de xullo, as prazas e rúas da Cidade Histórica acollen a II Feira Medieval. Os 150 postos recrearán o ambiente desta época, ao que contribuirán tamén as diversas actividades previstas. Paseo de reis, bufóns, música itinerante ou espectáculos de lume non faltarán nesta Feira para todos os públicos.

O concelleiro de Mercados, Andrés Fariña, presentou o programa desta II Feira Medieval, concibido como un instrumento para a "dinamización" da Zona Histórica. "O obxectivo é que veñan xente a Santiago e que, indirectamente, se beneficien tanto comerciantes como hostaleiros", apuntou.

Ademais, e apuntando cara futuras edicións, sinalou que "queremos facer unha feira medieval o suficientemente atractiva para que sexa única". En calquera caso, e reciba a denominación que reciba a feira, comprometeuse a falar co sector comercial e hostaleiro cara a organizar eventos que favorezan a dinamización da zona histórica.

Na de 2009 non faltará un espazo infantil para os máis pequenos na praza de San Martiño , con seis actividades específicas para eles. Tanto pequenos coma maiores poderán contemplar os diversos postos artesáns de coiro, madeira, herbas medicinais, ourivaría, incensarios, etc. Pero tamén asistirán a exhibicións de cetrería ou talleres de oficios.

Os postos estarán situados nas seguintes rúas e prazas: praza da Quintana, praza da Inmaculada, Vía Sacra, rúa da Acibechería, praza de Cervantes, cantón de San Bieito, praza da Pescadería Vella, rúa das Casas Reais, praza de Salvador de Parga, rúa Travesa, rúa da Algalia de Arriba, rúa San Miguel dos Agros, praza de San Miguel dos Agros, Fonte de San Miguel, praza de San Martiño, rúa de Abril Ares e rúa da Troia. Malia non ter postos, tamén estarán adornados con motivos medievais espazos anexos, como a praza do Toural.

Animación e teatro
A animación nunca faltará nesta mercado medieval, que propón unha viaxe ao pasado, na que diferentes personaxes e modos de vida volverán a aparecer reivindicando unha cultura e estilo de vida xa case esquecidas. Así, terán especial protagonismo o humor farsa e de histrións ou a estrambótica familia de cómicos de Doña Forúncula de Aquitania, así como mitos, romances e lendas, aventuras de dragóns e seres fantásticos, representantes da corte e xograres, cabaleiros, escudeiros ou pícaros.

A Feira abrirase co tradicional pregón a cargo da mencionada Doña Forúncula. Logo, nesa primeira xornada, haberá tempo para o carro dos cómicos ou para escenificacións de divertidas comedias. Pasarrúas, romances, farsas, zancudos, lume, música, baile e pirotécnica completarán un animado día.

Para a segunda xornada quedan espectáculos como o pasarrúas de O soño dunha noite de verán, os contacontos infantís, os pasarrúas da corte, ou a representación de A voda da raíña Gualteria. E pola noite, A nave dos tolos, unha delirante viaxe con estandartes, fachos desfilando en iluminada e misteriosa procesión.

A terceira xornada de animación comezará con danzas, cancións e enredos a cargo da compañía de cómicos de Doña Forúncula, precedendo aos pasos e entremeses. Máis pasarrúas e a actuación dos xograres antes de asistir ao espectáculo O carro dos desherdados, un espectáculo teatral itinerante no que unha alcaiota, un cego visionario, un bufón aloucado, unha muller de mala vida e unha bastarda están asexados pola morte.

Todos estes espectáculos teatrais e de animación serán levados a cabo pola compañía Tragaleguas Teatro, con máis de dez anos de experiencia na animación de mercados temáticos de España, Francia e Portugal.

Compartir: