PLENO

O Pleno ratifica o compromiso municipal co uso da bicicleta como transporte alternativo

28/05/2009 A Corporación municipal aprobou definitivamente en Pleno a adhesión de Santiago á Rede de Cidades pola Bicicleta, así como os seus estatutos e cotas. Esta Rede celebrou a súa sesión constitutiva o 13 de marzo en Sevilla e Santiago forma parte da súa xunta directiva.

No caso de Santiago, correspóndelle unha achega de 2.000 euros polo bienio 2009-2010. O alcalde será o representante do Concello nos diferentes órganos da Rede, actuando como suplente o concelleiro de Transportes, Carlos Nieves.

A Rede de Cidades pola Bicicleta pretende xerar unha dinámica entre as cidades españolas co fin de facilitar, facer máis segura e desenvolver a circulación en bicicleta, especialmente no medio urbano. A entidade intensificará a promoción da bicicleta e impulsará iniciativas para que o desprazamento en bicicleta resulte atractivo e seguro. Tamén se fomentará o incremento das infraestruturas para o uso da bicicleta.

A integración na Rede de Cidades pola Bicicleta é a reflexo da aposta do Concello de Santiago por este medio de transporte para o seu uso urbano. Mostra disto é o lanzamento do sistema de alugueiro de bicicletas, que na actualidade conta con sete estacións de préstamo distribuídas pola cidade, funcionando de 8:00 a 22:00 horas en verán, e de 9:00 a 18:00 en inverno.

O Concello aposta tamén pola creación de carrís bici na cidade. O primeiro paso foi o carril bici da rúa Berlín, en Fontiñas, que dará paso proximamente a unha infraestrutura semellantes na rúa Londres. Onde non son posible estes carrís, como así sucede na maior parte da trama urbana da cidade, o Concello estableceu límites de velocidade a fin de establecer itinerarios e zonas de circulación de bicicletas. Quérese así facer compatible con seguridade o uso da bicicleta e dos vehículos.

Urbanismo
No ámbito do Urbanismo, deuse conta ao Pleno do documento refundido da modificación puntual do PE-1 no edificio da rúa do Preguntoiro número 23. Este cambio, aprobado no Pleno do 14 de abril, consistía na ampliación de usos deste edificio, autorizando os usos sociocultural, institucional-administrativo, asistencial, docente e comercial.

Cómpre recordar que está previsto que a licenza para a construción dun auditorio neste inmoble será concedida na Xunta de Goberno do 2 de xuño, cun prazo previsto para as obras de 13 meses.

Ademais, aprobouse definitivamente o estudo de detalle da confluencia da rúa do Lindeiro e da rúa das Pozas, en Meixonfrío. O obxecto do estudo é concretar as aliñacións e rasantes da nova edificación que se construirá nunha parcela lindeira co Plan Parcial do SUNP-1.

Comisións
Outros dous puntos do día foron as solicitudes de comisións de investigacións a cargo do PP sobre dous puntos: a débeda dunha Xunta de Compensación no SUNP-6 e a contratación das obras de mellora do colexio Quiroga Palacios. Ambas foron rexeitadas, por considerar o grupo de Goberno que xa se teñen tomado as medidas axeitadas para resolver os erros producidos, ordenado investigacións e mesmo remitido o asunto á Fiscalía no segundo caso.

No caso da débeda da Xunta de Compensación, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, indicou que se tratou dun "erro administrativo de consecuencias limitadas", xa que a débeda en cuestión ten asegurado o cobro. "O erro está emendado coas medidas de control e os medios dos que hoxe dispoñemos", aclarou. Recordou tamén a investigación reservada ordenada polo alcalde no seu día unha vez detectado o erro. "Se desta investigación resultan responsabilidades, tomaranse as medidas oportunas", engadiu.

Recordou que as arcas municipais xa cobraron máis do 50% da débeda e que está fixado un calendario para o cobro da cantidade restante. En concreto, sufragarase en tres prazos: o primeiro de forma inmediata, outro terzo no segundo semestre de 2009 e o restante no primeiro semestre de 2010.

En relación á contratación das obras de Quiroga Palacios, tanto a voceira do grupo municipal socialista, Marta Álvarez-Santullano, coma o alcalde fixeron unha cronoloxía do sucedido ata que se enviou o expediente á Fiscalía. Lembrou Xosé A. Sánchez Bugallo a investigación interna ordenada o 13 de abril. A raíz da mesma e tras detectar unha alteración nun CD do expediente, o propio rexedor compostelán demandou do secretario xeral do Concello e xefe da Asesoría Xurídica a remisión do expediente á Fiscalía por se houbera algunha irregularidade.

Renuncia e novo concelleiro
Finalmente, formalizouse a renuncia do concelleiro do grupo municipal popular Ricardo García-Borregón, quen deixa o Concello para facerse cargo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia. Tamén neste Pleno, tomou posesión da súa acta o novo concelleiro desta formación, Juan de la Fuente, que ocupa a acta deixada por Jesús Gamallo.

Compartir: