PERSOAL

O Concello pon en marcha una plataforma de formación "on line"

28/05/2009 Os traballadores municipais xa poden realizar gran parte dos cursos contemplados no Plan de Formación do Concello a través de internet. Isto é posible grazas ao lanzamento da nova plataforma on line de formación: www.compostelaformacion.org. Os dous primeiros cursos comezarán o 10 de xuño e xa está aberto o prazo de inscrición para os mesmos.

A concelleira de Persoal, Réxime Interior e Reforma Administrativa, Rosa Fernández, presentou esta nova plataforma, concibida como un instrumento áxil e práctico para a formación. Permitirá chegar a maior número de traballadores e fará posible unha mellor conciliación dos horarios. Malia que seguirá a haber certos cursos que seguirán esixindo a asistencia presencial, a intención é realizar todos os posibles nesta plataforma.

Os traballadores accederán a través do seu identificador e dun contrasinal a unha completa e interactiva aula virtual, con información sobre cada curso e coas ferramentas e recursos dispoñibles. Nesta plataforma o usuario poderá realizar o curso ao seu ritmo e realizar as probas de autoavaliación cando o desexe, dentro dos límites temporais do curso. Grazas aos chats e os foros poderá contactar cos seus compañeiros de curso ou co titor do curso e tamén dirixirse persoalmente a este a través do correo, para realizar consultas ou remitir as avaliacións.

Os traballadores seguirán a recibir igualmente o material en papel, por se lles resulta máis cómoda este tipo de consulta. Ademais, entregaráselles unha guía, que ademais das instrucións básicas, incluirá o nome do usuario e o contrasinal coa que poderán acceder á plataforma formativa on line.

Compartir: