PROMOCIÓN ECONÓMICA

Unha empresa nacida no Compostela Equal Social, pioneira en España na rodaxe con plastilina e coa técnica da stop-motion

27/05/2009 A concelleira de Cultura, Socorro García, e o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, visitaron os estudios de Artefacto Producións, onde a produtora compostelá está rodando O Apóstolo, primeira película de España que se filma enteiramente con plastilina seguindo a técnica stop-motion, empregada noutras películas como A noiva cadáver, de Tim Burton. Na visita tamén estiveron os actores Carlos Blanco e José Manuel Olveira "Pico", que participan na película.

O apóstolo está dirixida por Fernando Cortizo. Trátase dunha historia de terror, humor e fantasía ambientada no Camiño de Santiago. Un convicto recen fuxido do cárcere, tratará de recuperar un botín escondido anos atrás nunha solitaria e apartada aldea; pero o que alí atopará supón unha condena aínda maior da que xa sufriu. Sinistros anciáns, estrañas desaparicións, espíritos, un estraño sacerdote e ata o mesmísimo arcipreste de Santiago.

Esta é unha película de animación en plastilina realizada mediante a técnica da stop-motion, a primeira destas características que se fai en España. Esta técnica implica que cada personaxe ten que ser deseñado e modelado detidamente tanto para o seu correcto funcionamento narrativo como para os seus requerimentos de movemento. A película ten a particularidade de que os personaxes levarán os rostros dos actores que os dobran. Os principais actores que participan son Carlos Blanco, José Manuel Olveira "Pico", Celso Bugallo, Luis Tosar, Paul Naschy, Jorge Sanz, Geraldine Chaplin e Manuel Manquiña.

Artefacto tamén está innovando nos modos de financiamento da película, abrindo a todas as persoas interesadas a posibilidade de ser coprodutoras de O apóstolo. Por 30 euros, e a través da súa páxina web, www.oapostolo.es, poden adquirirse accións da película, cunha serie de vantaxes como a asistencia a xornadas de portas abertas durante a rodaxe, aparición nos títulos de crédito como coprodutor, asistencia ao estreo da película en xullo do 2010 cos actores da rodaxe e beneficio económico segundo o diñeiro investido.

Artefacto Produciones, fundada en abril do 2007 por Isabel Rey e Fernando Cortizo, foi unha das 64 empresas que naceron dentro do proxecto Equal Compostela Social, que a Concellaría de Promoción Económica e Emprego desenvolveu nos anos 2006 e 2007. A empresa compostelá foi ademais a gañadora no ano 2007 do Concurso de Novas Ideas Empresariais Compostela Activa, iniciativa tamén desta Concellaría.

Compartir: