TURISMO

Santiago mantén o número de pernoctacións no primeiro cuatrimestre

27/05/2009 Santiago acumula no primeiro cuatrimestre de 2009 un total de 291.310 pernoctacións, mantendo practicamente as 292.499 do 2008, cunha baixada técnica do 0,41%, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Santiago mantén os datos do ano precedente nun entorno de crise económica que está a afectar ao sector turístico do conxunto do Estado e de Galicia. No primeiro cuatrimestre produciuse unha baixada do 10,7% no Estado e en Galicia a baixada foi do 14%.

No mes de abril producíronse en Santiago 96.353 pernoctacións, que constitúen un 10,57% máis que as 87.141 do ano 2008. O crecemento do mes de abril apoiouse no turismo doméstico, que pasou das 51.819 perncotacións do ano 2008 ás 68.304 de 2009. Pola contra, o turismo estranxeiro baixou de 35.322 a 28.049. Estes datos foron en parte debidos á Semana Santa, que en 2009 foi en abril e no ano precedente fora en marzo. Non obstante, o crecemento do mes de abril en Santiago foi oito puntos superior ao do conxunto do Estado, que se quedou nun 2%.

Santiago consegue manter os datos de pernoctacións de 2008 grazas ao crecemento do turismo doméstico. Nos catro primeiros meses do ano houbo 226.455 pernoctacións de turismo doméstico, un crecemento do 4,75% respecto das 216.176 do mesmo período do ano anterior. Pola contra, as pernoctacións internacionais descenderon un 15,2%, pasando de 76.323 a 64.855. No conxunto de España produciuse unha baixada do 9,2% no turismo doméstico e un 12,1% no turismo internacional.

Con estes datos Santiago mantense no primeiro cuatrimestre do ano 2009 á cabeza do Grupo das Cidades Patrimonio Histórico da Humanidade. No grupo da España Verde, composta por País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia, a única cidade que sube é Bilbao, cun crecemento do 1,56%. Santiago obtén uns datos similares aos de Santander, que baixa un 0,33.

As demais cidades de ambos grupos teñen descensos máis importantes que Santiago: Vitoria baixa un 8,08%, San Sebastián un 4%, Xixón un 12,11%, Oviedo un 16,15, Ávila un 14,20%, Cáceres un 6,88%, Córdoba un 10,36%, Cuenca un 10,67%, Salamanca un 3,97%, Segovia un 9,83% e Toledo un 5,73%. En Galicia, A Coruña descende un 19,54% e Vigo un 19,23%.

Compartir: