CONSORCIO

O Consorcio premia un ano máis a recuperación de espazos urbanos nas cidades históricas América Latina

27/05/2009 O Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana alcanza a súa terceira edición. Este galardón, creado polo Consorcio de Santiago en colaboración coa Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo e a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, pretende recoñecer e fomentar iniciativas públicas de creación e recuperación de ámbitos de cohesión nas cidades históricas de América Latina, a través da transformación e mellora de espazos urbanos.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o xerente do mesmo, Xosé Manuel Villanueva, presentaron esta terceira convocatoria do Premio, ao que poden optar proxectos urbanos aínda non executados, tanto de nova creación como de remodelación, rehabilitación ou restauración, a desenvolver nas cidades históricas dos países latinoamericanos. A dotación económica é de180.000 euros.

Entre os criterios que se van ter en conta á hora de seleccionar o proxecto gañador, non só figuran aqueles relacionados coa calidade dende un punto de vista estritamente arquitectónico ou urbanístico. Tamén se contemplan aqueles que teñan en conta unha maior calidade de vida das persoas, as melloras ambientais ou os que aseguren o equilibrio entre tradición e innovación urbanística, entre outros.

A convocatoria do premio estará aberta desde o 27 de maio ata o 10 de setembro de 2009. Está previsto que as sesións de traballo e deliberación do xurado teñan lugar en Santiago o día 26 de outubro de 2009. O acto de entrega do premio celebrarase no mes de decembro.

O xurado do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana estará formado polo arquitecto Xerardo Estévez en calidade de presidente, e como vocais Nuria Sanz Gallego, da UNESCO; o enxeñeiro Manuel Herce Vallejo e os arquitectos María Luisa Cerrillos Morales, Javier Ramos Guallart, Francisco López Morales e Juan Luis Isaza Londoño.

Edicións anteriores
O xurado da primeira edición do premio, en 2007, decidiu designar por unanimidade o proxecto da Praza San Esteban do centro histórico de San Salvador como gañador entre un total de 24 proxectos presentados. O xurado tivo en conta a repercusión social do proxecto, a súa viabilidade, a relación entre o importe do premio (180.000 euros) e o orzamento do proxecto (250.000 euros), así como o impacto no entorno, a idoneidade urbanística e a implicación de diferentes axentes sociais: sociedade civil, Igrexa e Centro escolar. A alcaldesa de San Salvador, Elvia Violeta Menjívar, trasladouse a Santiago en novembro de 2007 para recibir de mans do seu homólogo, Xosé Sánchez Bugallo.

Xa en 2008, o Premio foi parar a Honduras, grazas á proposta de rehabilitación do Mercado Municipal no Centro Histórico de Gracias, na rexión hondureña de Lempira. Con esta distinción, o xurado premiou as repercusións sociais dun proxecto que mellora as condicións do comercio local. A súa execución contribuíu a mellorar as posibilidades comerciais de produción dos campesiños locais, dinamizar o centro histórico e fortalecer a formación dos mozos da escola Obradoiro de Colosuca.

Arquivo Compostelán de Cooperación Urbana
As propostas gañadoras, as finalistas e unha selección dos proxectos presentados conformarán o Arquivo Compostelán de Cooperación Urbana, recompilación elaborada para ampliar a súa repercusión e divulgación. Este arquivo estará a disposición pública na sede do Consorcio de Santiago, podendo ser utilizado polos participantes de cada convocatoria.

Trátase non só de establecer unha liña de cooperación ao desenvolvemento senón tamén contribuír á xeneralización das boas prácticas en materia de renovación urbana e de difusión da imaxe de Santiago no ámbito latinoamericano.

Compartir: