PLENO

Nova ordenanza reguladora do Programa de Axuda no Fogar

30/04/2009 O Pleno municipal aprobou inicialmente por unanimidade a nova ordenanza reguladora do Programa de Axuda no Fogar. Esta norma regula unha serie de atencións ou coidados de carácter persoal, doméstico, psicosocial, educativo, técnico e comunitario prestadas dentro ou fóra do domicilio a aqueles cidadáns con situacións de limitada autonomía persoal ou en casos de desestruturación familiar.

Esta ordenanza substitúe á existente dende 2001 e adáptase á normativa autonómica na materia. Describe a tipoloxía das atencións e establece os dereitos e deberes das persoas usuarias. Ademais, establece as modalidades de acceso ao servizo, fixando os requisitos para o outorgamento ou denegación das axudas e os procedementos de coordinación e seguimento para facelas efectivas. Tamén se fixa o réxime económico, os baremos para a determinación dos importes concedidos e os modelos de solicitude.

Liquidación do orzamento
Outro dos puntos da orde do día foi dar conta da liquidación do orzamento do exercicio de 2008. Cómpre destacar que a execución das contas de 2008 deixaron un remanente positivo de tesourería de 693.777 euros para gastos xerais, tras varios anos de remanente negativo..

O aforro orzamentario foi de 4.780.507 euros, froito dos aforros na realización de gastos financiados por ingresos propios por importe de 9,19 millóns de euros, o estado de execución negativo dos ingresos correntes (-3,84 millóns), a baixa dos créditos de proxectos de gasto por 0,22 millóns e o remanente negativo de tesourería do ano 2008 (-0,330 millóns).

O grado de execución do capítulo de ingresos –a diferenza entre as previsións e os dereitos finalmente recoñecidos- foi en total dun 59,74%. En canto aos gastos, o grao de execución global chegou ao 62,67%.

Estudos de detalle
En materia de urbanismo, aprobouse definitivamente e por unanimidade o estudo de detalle do polígono 4 de Fontiñas. Ademais, deuse conta do documento refundido do estudo de detalle do R2 do SUNP-4 do Camiño Francés e do da modificación puntual do estudo de detalle para a instalación de ascensores nos edificios de Aviación Civil da avenida de Salamanca-Rúa Oviedo.

Consello de Compostela Cultura
En materia de Cultura, acordouse cos votos favorables do grupo de Goberno a designación de tres novos integrantes do Consello de Compostela Cultura. En concreto, trátase de nomear aos tres membros que o regulamento do Consello define como "persoas de recoñecido prestixio no eido da Cultura" e que lle corresponde a súa designación ao Pleno. Os elixidos son a directora, escritora e profesora Margarita Ledo Andión; o filólogo e coordinador do Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega Hakan Casares Berg; e o narrador, articulista e tradutor Bieito Iglesias Araúxo.

Wimax para Figueiras e Aríns
Respecto a unha das obras incluídas no Fondo de Investimento Local, o da instalación da rede Wimax nas parroquias de Aríns e Figueiras, o Pleno levantou -cos votos do grupo de Goberno- o reparo formulado pola Intervención e pola Secretaría, cara a remitir a adxudicación desta iniciativa ao Ministerio de Administracións Pública, ao cumprirse precisamente os prazos fixados por este.

O alcalde explicou que o 17 de abril se lle enviou consulta por escrito ao Ministerio, pero que, ante a non contestación deste, era preferible levantar este reparo á espera da resposta.

Renuncia
Finalmente, formalizouse a renuncia á súa acta do concelleiro do grupo municipal popular Jesús Gamallo, que deixa o Concello para ser secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia.

Compartir: