ALCALDÍA

O alcalde insistiralle ao ministro de Fomento sobre a necesidade do falso túnel para a entrada do AVE

30/04/2009 O alcalde compostelán manterá unha xuntanza co ministro de Fomento, José Blanco, para falar sobre o AVE. Será á volta da viaxe que Xosé A. Sánchez Bugallo realizará a Bos Aires e Montevideo entre o 1 e 8 de maio. Nesta xuntanza, insistiralle na necesidade do falso túnel para a entrada do AVE en Santiago a través de Pontepedriña.

O alcalde compostelán manterá unha xuntanza co ministro de Fomento, José Blanco, para falar sobre o AVE. Será á volta da viaxe que Xosé A. Sánchez Bugallo realizará a Bos Aires e Montevideo entre o 1 e 8 de maio. Nesta xuntanza, insistiralle na necesidade do falso túnel para a entrada do AVE en Santiago a través de Pontepedriña.

Sánchez Bugallo indicou que, se ben "a solución que saíu a licitación é máis sensata e mellor que a que saíra na exposición pública, por non afectar ás vivendas circundantes", o Concello "a solución non será plenamente satisfactoria para o Concello se non vai o falso túnel". Explicou o rexedor municipal que esta solución satisfactoria non suporía un incremento do orzamento de máis do 5%, polo que se podería tramitar como unha modificación do proxecto inicial.

Sobre os prazos para a chegada do AVE, o alcalde considerou "moi correctas" as apreciacións feitas polo ministro respecto a facer un AVE mellor. Neste sentido, restou transcendencia a que o AVE chegue "seis meses antes ou despois" sempre que "quede ben". Ademais, valorou a "preocupación de José Blanco por sacar adiante o AVE a Galicia".

Considerando a imposibilidade de que o AVE a Madrid estea rematado en 2012, si expresou a súa confianza en que si podan estar listas nesa data os tramos que permitirán a conexión con Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña. Isto redundaría en que, en calquera caso, se reduciran os tempos nas viaxes en tren de Santiago á capital de España.

Viaxe a Arxentina e Uruguai
Esta reunión entre o alcalde e o ministro celebrarase á volta do viaxe do primeiro a Bos Aires (Arxentina) e Montevideo (Uruguai). Será do 1 ao 8 de maio, tempo no que o alcalde manterá diversos encontros coa colectividade compostelá nestas dúas cidades. Ademais, estableceranse contactos con diversos representantes sociais e operadores turísticos, co fin de promocionar o Ano Santo 2010. Por este motivo, acompañará ao alcalde o concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias.

Sobre a marcha da promoción do Ano Xacobeo, Sánchez Bugallo manifestou ter "a seguridade de que se fará unha boa promoción e unha boa programación". Indicou que o Ano Santo é "un produto maduro que esencialmente require dun recordatorio".

Tamén en relación ao turismo, felicitouse o alcalde dos bos datos do último informe da Alianza para a Excelencia Turística (Exceltur), que revela que, nun contexto de crise e de redución das pernoctacións no conxunto de cidades e comunidades autónomas, en Santiago medraron un 5% no primeiro trimestre de 2009, debido fundamentalmente ao bo comportamento do mercado español. Dixo sentirse "moderadamente satisfeito" por estes datos, que agradeceu tamén ao "esforzo de promoción dos hoteis da cidade para ser competitivos e atractivos".

Obras e tráfico
O alcalde aproveitou tamén a súa habitual rolda de prensa semanal para indicar que entre o 12 e 28 de maio está previsto que se vaian poñendo en marcha todas as obras incluídas no Fondo de Investimento Local (FIL). De todas estas, recoñeceu que nove provocarán "dificultades significativas no tráfico".

Ademais, está previsto que o 26 de maio se podan sacar a licitación as dúas primeiras obras do convenio de travesías: a avenida de Castelao e Galeras. En todos estes casos, o alcalde asegurou que "o Concello fará un esforzo de coordinación e información" para minimizar os efectos no posible.

Reforma do Campus Sur
Finalmente, referiuse Sánchez Bugallo á reforma do Campus Sur, apuntando que "o Concello non descarta a construción dun aparcadoiro na avenida da Coruña". A USC, dixo, "ten manifestado o seu desexo de facer o estacionamento na zona do campo de fútbol", pero "na actualidade, ningún operador amosou interese por un aparcadoiro alí, o cal obrigaría a esperar a que se deran as condicións que o fixeran viable". "Este é un tema que non está pechado", recordou o alcalde, quen si coincidiu coa Universidade na necesidade de "protexer" un campus que ten unha situación "privilexiada" dentro da cidade.

Ante a futura redución de prazas de aparcadoiro por esta reurbanización, indicou que "non queda máis remedio que poñer en marcha iniciativas de transporte público como alternativa", en referencia fundamentalmente ao transporte metropolitano. Así, aclarou que "non pode recaer sobre o Concello todo o peso da resolución do problema". Lembrou a este respecto que "un 70% dos problemas de aparcadoiro derivan de usuarios doutros concellos".

Compartir: