EMPREGO

Corenta persoas xa cubriron a enquisa de necesidades formativas da Concellería de Promoción Económica

29/04/2009 Corenta persoas xa cubriron a enquisa de necesidades formativas á que se pode acceder a través da páxina web da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo: www.maiscompostela.org. Este cuestionario está situado na páxina principal, debaixo do cadro Compostela traballa.

Esta enquisa ofrece ao empresariado, a persoas ocupadas e desempregadas e a persoas emprendedoras, a posibilidade de amosar a súa opinión sobre o tipo de formación que precisan para incrementar a súa promoción laboral, mellorar os recursos humanos das empresas e, deste xeito, incrementar a produtividade e competitividade das mesmas. Por outra banda permítelle á Concellería mellorar a oferta e a formación que se realiza nos seus distintos programas para adecuala, aínda máis, ás necesidades formativas que precisa o mercado laboral e sector empresarial compostelán.

A Enquisa de detección de necesidades formativas, que se subiu á web o 15 de abril, estrutúrase en 13 preguntas, divididas en dúas partes. A primeira consta de seis preguntas, e permite establecer o perfil da persoa que accede ao cuestionario. Das 40 persoas que xa cubriron a enquisa, 20 son mulleres e 20 homes.

A segunda parte consta de sete preguntas. Nas preguntas sete e oito pídese á persoa enquisada que amose as súas preferencias sobre horarios e modalidade de formación: presencial ou por teleformación. Realízase co obxectivo de facilitar a súa asistencia aos cursos que se programen nun futuro, e que poida compatibilizar, na medida do posible, a formación coas súas obrigas laborais e familiares. 26 enquisados optan polos cursos presenciais, e 14 inclínanse pola teleformación.

A continuación establécense unha serie de cinco preguntas para que a persoa interesada indique as súas preferencias en cinco áreas distintas (empresa, informática, idiomas, comercio e oficios), podendo escoller máis de unha á vez. Así, o 89% das persoas que cubriron a enquisa demandan formación relacionadas coa xestión empresarial, o 82% con informática, o 79% con idiomas, o 61% con oficios e o 53% con comercio. A distribución e as accións formativas de cada unha das áreas foron propostas por Promoción Económica atendendo ás peticións das empresas. En cada unha delas engádese un campo aberto para que as persoas que cubran a enquisa poidan introducir outro tipo de formación que precisan e/ou na que estarían interesadas.

Unha vez rematada a enquisa existe a posibilidade de que a persoa que a cubriu deixe os seus datos para enviarlle, no futuro, información sobre os cursos que imparta a Concellaría de Promoción Económica, nos que se terá en conta a demanda expresada polas persoas enquisadas.

Compartir: