ALCALDÍA

Douscentos oitenta traballos optan ao II Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

31/03/2009 O 2 de abril, coincidindo co Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, darase a coñecer o veredicto do xurado do II Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, un certame organizado pola Concellería de Educación en colaboración con Kalandraka. Nesta edición presentáronse 280 traballos de moi diversas procedencias.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou ao xurado, que está a traballar no CSC do Ensanche, para elixir aos gañadores que se coñecerán o 2 de abril. Foi unha boa oportunidade para contemplar algúns dos álbums presentados, que por segundo ano destacan pola súa elevada calidade.

O xurado do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados está formado pola escritora Esther Tusquets; o artista plástico Luis Mendoza; o ilustrador Xosé Cobas; o xefe do Departamento de Educación do Concello, Xosé M. Rodríguez-Abella; e Manuela Rodríguez, de Kalandraka. Actúa como secretaria a técnica do Departamento de Educación Beatriz Varela.

O premio ten unha dotación de 12.000 euros e o traballo escollido publicarase en todas as linguas oficiais peninsulares (galego, catalán, vasco, castelán e portugués) pola editorial Kalandraka. Enmarcado na IX Campaña de Animación á Lectura, o II Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados está dirixido a autores e ilustradores do ámbito internacional.

Podían optar a este premio todas as obras que se incluíran na categoría de álbum ilustrado: un libro no que o relato se conta a través de imaxes e textos, de tal xeito que ámbolos dous se complementen. As obras podíanse presentar en calquera das linguas oficiais da Península e debían ser orixinais e inéditas. O prazo de presentación dos traballos rematou o 28 de febreiro

Na primeira edición a gañadora foi María Natalia Colombo, de Arxentina, polo traballo titulado Cerca. Este álbum é precisamente a imaxe da Campaña de Animación á Lectura deste curso, na que participan máis de 5.000 escolares de Santiago e da bisbarra.

Compartir: