CONSUMO

A OMIC ensina aos consumidores a elixir o seguro de automóbil máis axeitado ás súas necesidades

31/03/2009 O concelleiro de Consumo, Xosé Baqueiro, presentou a nova guía editada pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC): Guía de Seguros: contratación-automóbil. Esta nova publicación amosa os principais elementos a ter en conta cando se contrata un seguro e constitúe unha axuda para saber elixir a póliza máis conveniente segundo as necesidades.

Segundo Baqueiro, a Guía contén "información ampla e rigorosa" sobre cada un dos elementos que interveñen no seguro. "Ás veces non é fácil saber que seguro debemos contratar", apuntou. De aí que a publicación incida en aspectos como as partes no contrato de seguro, os elementos materiais do seguro, a estrutura do contrato ou a normativa aplicable. A Guía tamén contén unha serie de consellos para contratar a póliza.

Esta Guía responde, cunha linguaxe "sinxela e accesible" a todas aquelas preguntas que o consumidor vén facendo na OMIC e nas asociacións de consumidores, indicou Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), entidade que colabora na edición da guía. Incidiu na oportunidade desta publicación por ser a materia dos seguros de automóbil "unha sobre as que menos información se ten". Neste sentido, destacou as dificultades que atopa o consumidor á hora de realizar as súas reclamacións neste sector, non sometido á arbitraxe e cunha complexidade legal semellante ás entidades financeiras.

O responsable da OMIC, Antón Barba, demandou o sometemento das compañías de seguros ao sistema de arbitraxe, xa que, na actualidade, a único organismo con capacidade real para resolver conflitos nesta área é a Dirección Xeral de Seguros do Ministerio de Economía. No caso das reclamacións recibidas na OMIC, resaltou que a maioría teñen que ver con desacordos na peritaxe e cos prazos de reparación, motivados fundamentalmente por disputas entre as compañías aseguradoras.

Distribuiranse 5.000 exemplares desta Guía en centros socioculturais, asociacións veciñais, asociacións de consumidores, na Oficina de Atención ao Cidadán e na propia OMIC. Ademais, nos vindeiros meses vanse editar outras guías sobre seguros aplicados a outras materias.

247 reclamacións en 2009
No que vai de 2009, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor recibiu 247 reclamacións, das que sete foron sobre seguros de automóbil. As queixas máis abundantes neste primeiro trimestre do ano teñen que ver co subministro eléctrico, tanto co cambio de contratos como cos danos causados polos cortes e subidas de tensión durante o temporal Klaus.

Compartir: