XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas por máis de tres millóns de euros outras oito obras das incluídas no Fondo de Inversión Local

30/03/2009 En sesión extraordinaria, a Xunta de Goberno adxudicou outras oito obra e proxectos dos financiados a cargo do Fondo de Inversión Local. En total, estas obras suponen un investimento de 3.316.610 euros máis IVE.

Entre as obras adxudicadas destaca polo seu importe 893.459 euros máis IVE, a da ordenación funcional no núcleo de Canteira (San Lázaro). Esta actuación, que durará sete meses, ocupará a un total de 40 persoas, das cales 32 están integradas na empresa adxudicataria e oito son persoal de nova contratación.

Outra importante obra permitirá reurbanizar as beirarrúas nas Cancelas. Investiranse 603.448 euros nunha intervención que se prolongará durante 189 días, nos que traballarán 28 persoas, oito delas de nova contratación. Tamén se mellorarán as beirarrúas en Meixonfrío, graza a unha obra adxudicada por 406.562,86 euros e un prazo de execución de 162 días. 21 persoas serán neste caso as empregadas, 6 delas novas. Ademais, urbanizarase en cinco meses a rúa da Raiola por un importe de 327.732 euros. Cinco traballadores serán contratados para unirse aos 32 da empresa adxudicataria.

Abastecemento, pavillón Quiroga Palacios e novo local para Protección Civil
En canto a obras de abastecemento, determinouse a empresa que realizará a renovación da rede de abastecemento e beirarrúas en Pontepedriña. A actuación ten un orzamento de 456.487 euros e un prazo de execución de 162 días. Para a execución desta obra o adxudicatario ocupará un total de 26 persoas, das que seis son persoal de nova contratación. Tamén se reparará en 189 días a cuberta dos depósitos da Almáciga, por importe de 332.213 euros e dando emprego a 18 persoas en total (3 novos contratados).

Unha instalación deportiva, o pavillón Quiroga Palacios, será rehabilitado grazas a un investimento de 296.401 euros. Nesta obra traballarán 11 persoas (6 novos contratados) durante tres meses. Finalmente, acometerase por 306.452 euros a habilitación dun novo local para Protección Civil no Estadio de San Lázaro. 24 persoas -9 contratadas expresamente para esta obra- traballarán para este local estea listo en catro meses e medio.

Compartir: