ALCALDÍA

O Concello prevé conceder preto de 1.200 licenzas para vivendas tamén en 2009

27/02/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, referiuse na súa rolda de prensa semanal á concesión ás 1.164 licenzas outorgadas en 2008 para a construción de vivenda. Neste sentido, anunciou que en 2009 se vai manter tamén o ritmos construtivo, co outorgamento de entre 1.000 e 1.200 licenzas.

Estas cifras de 2008 indican, segundo o alcalde, que "non son non diminuíron as licenzas, senón que se incrementaron á altura dos mellores anos de explosión construtiva". Indicou que no que vai de 2009 se concederon 400 licenzas e que, no primeiro semestre do ano, se outorgarán outras 400 agora en tramitación, con especial incidencia en ámbitos como O Castiñeiriño ou Roxos.

Sobre os prazos de concesión das licenzas por parte do Concello, Sánchez Bugallo afirmou que o prazo en que se outorgan os permisos "non vai máis alá dos dous meses en obras maiores e do mes en obras menores", polo que cualificou a situación de "absoluta normalidade". Así, apuntou que a maioría dos retrasos teñen que ver con trámites que teñen que resolver os propios promotores, como os avales. Indicou como dato que o 2/3 desas 400 licenzas pendentes teñen pendente precisamente a solución dese tema.

Volvendo aos datos de 2008, destacou, ademais das licenzas para vivendas, as concedidas para 42 novas naves industrias, a do centro comercial das Cancelas, as das novas instalacións do Colexio Manuel Peleteiro, a do Centro de Investigación en Medicina (CIMUS) ou a dunha residencia da terceira idade nos equipamentos contiguos ao parque Eugenio Granell.

Unha nova normativa para as licenzas de apertura
A propósito doutro tipo de licenzas, as de apertura, o alcalde recordou a súa aposta por unha nova lei que introduza un sistema de liquidación que permita ás empresas a autoconcesión da súa licenza, sen prexuízo da responsabilidade na que poidan incorrer se non cumpren a normativa. Subliñou que a actual lexislación autonómica implica "un proceso complexo no que se perde moito tempo", xa que se require a licenza de apertura antes de conceder a de obra. Demandou tamén que se diferencie segundo o tipo de actividade.

Novo ministro galego e cita electoral
O alcalde aproveitou tamén a súa intervención para expresar a súa satisfacción polo nomeamento de Francisco Caamaño como ministro de Xustiza, pola súa vinculación coa cidade. Finalmente, animou aos composteláns a exercer o seu dereito ao voto nas eleccións do domingo 1 de marzo.

Compartir: