XUNTA DE GOBERNO

Visto bo á licitación doutros 14 proxectos do fondo estatal

25/02/2009 A Xunta de Goberno abriu o expediente de contratación de 14 proxectos máis dos financiados polo fondo estatal, que se suman aos 11 aprobados na anterior Xunta. Entre os aprobados nesta ocasión destacan os de reurbanización de nove rúas.

Pola contía do investimento, destaca a obra de reurbanización da rúa Londres, en Fontiñas, cun orzamento de 2.155.172 euros máis IVE. Nesta rúa seguirase un modelo semellante ao da remodelada rúa Berlín, cunha total renovación e dotación de novos servizos urbanos. Tamén importante será a reurbanización dun tramo das rúas Vilagarcía, García Prieto e Sánchez Freire. O investimento previsto é de 1.293.103 euros máis IVE.

Outro grupo de obras de reurbanización afecta a varias rúas próximas ou conectadas entre si. É o caso das rúas Curros Enríquez (731.832 euros), Gómez Ulla (362.237 euros), Pérez Constanti (307.353 euros), Laverde Ruíz (267.504 euros), Santiago de Guayaquil (241.491 euros) e Neira de Mosquera (237.832 euros.

O capítulo de obras de reurbanización péchase coas obras da rúa Xeneral Pardiñas no tramo comprendido entre Montero Ríos e Carreira do Conde. Neste caso investiranse 603.448 euros máis IVE nunhas obras que seguirán o modelo do outro tramo da rúa xa reformado.

Centro sociocultural de Laraño, obras en parques e saneamento
Tamén se abriu o procedemento de licitación para as obras de reforma e ampliación do centro sociocultural de Laraño cun tipo de licitación de 344.827 euros máis IVE. En canto aos parques, acometerase a remodelación da zona norte do parque de Salgueiriños (185.675 euros), a creación dunha área de xogos infantís no parque de San Lázaro ( 88.864 euros) e o acondicionamento dunha parcela recreativa en Vidán (86.153 euros).

Finalmente, realizaranse obras de ampliación do abastecemento en Barciela, nas que se investirá 102.335 euros máis IVE.

Dos sete proxectos que quedan por abrir o seu proceso de licitación, algúns serán aprobados nunha Xunta de Goberno extraordinaria o venres 27. Os que queden, ratificaranse na seguinte sesión ordinaria, o martes 3 de marzo

Obras de saneamento
A Xunta de Goberno tamén aprobou varios proxectos a incluír no convenio de colaboración que anualmente se asina coa Consellería de Medio Ambiente para obras de infraestruturas hidráulicas en parroquias do Concello. Así, xa están redactados os proxectos das obras de saneamento e bombeo de augas residuais en Rochiña – Son de Abaixo (169.301euros), Sarela de Abaixo (344.310 euros) e Carballal (206.214 euros).

Igualmente ampliarase e sanearase a rede de augas residuais en Pardaces e Aradas, na parroquia da Peregrina (443.240 euros) e mellorarase a rede de saneamento en Lavacolla (336.541 euros).

Urbanismo
En materia de urbanismo, aprobouse definitivamente o proxecto de urbanización do SUP-1 de Romero Donallo. Este novo polígono de vivendas, deseñado por César Coll, suporá unha singular e moderna conexión estética e urbanística entre o tradicional e o novo Ensanche. Construiranse preto de 200 vivendas libres.

Entre as actuacións previstas no proceso de urbanización destaca a apertura da prolongación da rúa Escultor Camilo Otero, que irá por debaixo do periférico para conectar esta nova superficie con Pontepedriña. Haberá amplas zonas verdes e deportivas e ampliarase o IES Eduardo Pondal.

Noutro ámbito, o do SUNP-11 do Castiñeiriño, concedeuse a licenza para dous edificios de 32 e 31 vivendas de protección autonómica, respectivamente. Cómpre lembrar que neste polígono está prevista a construción de preto de 200 vivendas.

Ademais, a Xunta de Goberno tomou en coñecemento dúas obras no Aeroporto de Santiago. Unha delas é a ampliación da plataforma de estacionamento de aeronaves na zona sur de 180.000 metros cadrados e que irá asociada á nova terminal. A outra obra é a de adecuación do campo de voos do aeroporto ás Normas Técnicas de Aviación Civil (NTAC).

Benestar Social
Outro dos acordos, neste caso en Benestar Social, foi a prórroga do contrato de prestación do Servizo de Atención Domiciliaria coa empresa Clece por un prazo de seis meses, a contar dende o 16 de marzo. Procédese tamén á actualización do prezo segundo o IPC, quedando o máximo anual en 84.976 euros/ano. Os prezos unitarios son de 15,64 euros a hora diúrna, 17,72 euros a nocturna e 17,85 a de fin de semana.

Medio Ambiente
En Medio Ambiente, acordouse solicitar ao Banco de Terras de Galicia unha parcela en Nemenzo-Marantes para o seu saneamento, acondicionamento e posta en valor como carballeira. A parcela solicitada está a carón do centro sociocultural.

Tamén se deu conta da concesión ao Concello, por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dunha subvención de 79.485 euros para o acondicionamento e posta en valor de carballeiras e espazos públicos, restauración de fontes e lavadoiros e acondicionamento do seu contorno. A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, presentará en breve o programa de actuacións.

Xuventude
No ámbito da Concellería de Xuventude, aprobouse un orzamento de 14.022 euros para actividades formativas no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche. A oferta incluirá diversos cursos en materias como a fotografía, o deseño gráfico, o teatro ou o baile.

Educación
O Goberno local deu o visto bo a un orzamento de 6.860 euros para completar o financiamento da posta en marcha do programa de educación afectivo-sexual "Sexibilízate", subvencionado pola Deputación da Coruña. Tamén se aprobou un orzamento de 1.000 euros para un Curso de Animación Sociocultural que se celebrará do 25 ao 28 de febreiro.

Centros Socioculturais
Finalmente, acordouse a contratación do servizo de dinamización da aula de informática do Centro Sociocultural de Marrozos á empresa Reset polo período comprendido entre o 2 de marzo e o 2 de xuño de 2009, por un importe de 6.600 euros.

Compartir: