TRANSPORTES

Santiago contará en maio con tres taxis adaptados

25/02/2009 O concelleiro de Transporte, Carlos Nieves, presentou en rolda de prensa as condicións para dotar ao Concello dos tres taxis accesibles previstos para este 2009. Sete taxistas xa manifestaron o seu interese en obter este tipo de licenza.

Nieves explicou que, tras os contactos mantidos coa Asociación Compostelá de Autotaxis, sete taxistas manifestaron o seu interese en incorporar a súa licenza á modalidade de taxi adaptado. Á vista desta dispoñibilidade, o Concello concederá 60 días naturais para que se produza a efectiva incorporación ao servizo dos tres vehículos previstos para 2009.

Cómpre recordar que o programa municipal para cumprir co requisito legal do 5% de taxis adaptados en 2017, establece que no devandito ano haberá oito licenzas de vehículos accesibles, segundo o seguinte calendario: tres en 2009, un en 2011, un en 2013, outro en 2015 e dous en 2017.

Entre os requisitos que se lles esixirá aos propietarios das novas licenzas estará o de manter o taxi accesible por tempo indefinido. Deberán atender de xeito preferente ás chamadas das persoas afectadas na súa mobilidade e usuarias de cadeira de rodas, e os vehículos terá que estar integrados na mesma emisora ou radioteléfono que os restantes taxis adaptados do termo municipal, co fin de facilitar a calidade do servizo.

Recordou Carlos Nieves que o Concello concede unha axuda de 6.000 euros por vehículo adaptado. O seu propietario pode acceder tamén a outra axuda de 6.000 euros outorgada polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO).

Compartir: