ELECCIÓNS

Case 78.000 electores están chamados ás urnas en Santiago o 1 de marzo

31/01/2009 O Pleno municipal, en sesión extraordinaria e mediante sorteo público, elixiu aos 1.044 titulares e reservas das 116 mesas electorais nas que os cidadáns depositarán o voto nos comicios ao Parlamento de Galicia o 1 de marzo. Un total de 77.902 electores están chamados ás urnas en Compostela.

Ás mesas electorais correspóndelles presidir o acto da votación, controlar o seu desenvolvemento e realizar o reconto e o escrutinio. Están integradas por un presidente e dous vogais. No sorteo elixíronse estes tres representantes das mesas e dous suplentes para cada unha deles.

O sorteo informático de representantes realizouse entre a totalidade de persoas censadas maiores de 18 anos e menores de 65 años que saiban ler e escribir. Quedan excluídos do sorteo os que alcancen a maioría de idade no prazo comprendido entre a formación das listas de electores e a votación O presidente debe ter o título de Bacharelato ou de Formación Profesional de segundo grao ou, de non haber electores con esta titulación, o de Graduado Escolar ou equivalente.

Aos designados polo Pleno Municipal notificaráselles a súa condición de membros de Mesa durante os tres días seguintes ao sorteo. Xunto coa notificación seralles proporcionado un Manual de Instrucións para os Membros das Mesas Electorais.

O desempeño do cargo de vogal ou presidente de mesa electoral é obrigatorio. Calquera seleccionado para formar parte dunha mesa electoral que non cumpra as condicións requiridas ou non vaia poder desempeñar ese cargo por causa xustificada e demostrable, ten que alegar esas circunstancias á xunta electoral de zona. Se non o fai e non se presenta ou abandona o cargo, está incorrendo nun delito castigado pola lei electoral.

Compartir: