CULTURA

Pluralidade de ritmos nunha nova edición de Sons da Diversidade

30/01/2009 A Orchestra Baobab abre o sábado 31 de xaneiro unha nova edición de Sons da Diversidade. Esta viaxe polo mundo a través da música trae no primeiro semestre de 2009 un programa de seis variados concertos con intérpretes de diversas tradicións musicais.

A concelleira de Cultura, Elvira Cienfuegos, e o director-xerente do Auditorio, Paulo Rodríguez, presentaron esta nova edición de Sons da Diversidade, que "xunta calidade musical coa transmisión de valores que promoven o respecto á diversidade cultural cara a todos os pobos do mundo", en palabras da primeira.

O primeiro semestre do certame ábrese coa Orchestra Baobab. A agrupación senegalesa volve aos escenarios galegos con Made in Dakar, un espectáculo co que viaxaremos a unha África rica en lendas e en sons quentes, harmoniosos e melódicos.

No mes de febreiro, chega ao Auditorio a cantante caboverdiana Lura que, en M'bem di fora afonda nas súas raíces rurais cunha viaxe que vai do rhythm & blues aos ritmos máis auténticos da terra dos seus devanceiros. Xa en marzo, chégalle a quenda a Keren Ann, cantante cosmopolita nada en Israel, criada en Holanda e afincada en Francia, que mestura nas súas creacións a chanson francesa e o folk intimista con sons modernos e refinados para obter un suave folk pop envolvente e soñador.

Flamenco, jazz e música electrónica
O 26 de abril terá lugar o encontro de Sons da Diversidade cos creadores galegos contemporáneos, grazas á actuación de Projecto Miño. Baldo Martínez Grand Ensemble. Na última aventura creativa do contrabaixista ferrolán conflúen o jazz coral máis avanzado coa beleza melódica dos ritmos da beira do gran río galego-portugués.

Miguel Poveda achega un novo exemplo de fusión o 30 de maio, nunha actuación na que ofrecerá o seu amplo abano de cantes flamencos, combinado con soleás, tientos, tangos, bulerías ou abandolaos. Para rematar o 14 de xuño viaxa a Compostela a artista británica Anne Clark, que combina unha querenza cara á creación electrónica dos sons cunha interpretación poética, intimista e persoal.

Todos os concertos terán lugar no Auditorio de Galicia ás 21:00 horas. A entrada vai ser de 15 euros, cun desconto do 50% para xubilados e menores e 25 anos, sendo as tarifas de 20 euros nos concertos da Orchestra Baobab e Anne Clark. As entradas pódense adquirir no 902 434 443, ou na billeteira virtual de Caixa Galicia (en www.caixagalicia.es).

Sons da Diversidade nace grazas á colaboración da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais coa Deputación da Coruña, o Consorcio de Santiago e a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte.

Compartir: