EDUCACIÓN

Máis de vinte entidades amosan o seu traballo solidario no Foro das ONG

29/01/2009 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou o X Foro das Organizacións Non Gobernamentais, co que se abre a Quincena da paz, a convivencia e a solidariedade. O sábado 31 de xaneiro, no Centro Comercial Área Central, celebrarase este encontro, no que máis de vinte entidades darán a coñecer á cidadanía compostelá os seus materiais didácticos, proxectos, produtos de comercio xusto e iniciativas.

Os actos do Foro comezarán ás 11:00 horas coa apertura do espazo solidario, unha zona de presentación e postos informativos das diversas ONG. A continuación, ás 12:15 horas, haberá dúas actividades: un contacontos coordinado polo colectivo Bicis pola Paz e un obradoiro de artes plásticas. Os asistentes poderán gozar dun chocolate solidario ás 12:30 horas, coa colaboración de Panxea Asociación de Comercio Xusto.

A mañá pecharase cun concerto da Banda Municipal e coa lectura dun manifesto pola paz no transcurso dun acto institucional. Isto último acontecerá ás 13:30 horas. Xa pola tarde, ás 18.30 horas, nova edición do contacontos e do obradoiro de artes plásticas. As actividades pecharanse ás 20:00 horas.

Este Foro abre o programa da Quincena da paz, a convivencia e a solidariedade. Nestes días, os centros educativos teñen á súa disposición unha ampla variedade de recursos didácticos. Se así o solicitan, membros destas ONG desprazaranse ata os colexios para explicar o seu traballo ou desenvolver actividades como exposicións, obradoiros, contacontos ou reparto de materiais educativos, entre outras. Con tal fin, a Concellería de Educación editou unha publicación na que se recolle unha relación de 29 ONG, con explicación dos seus obxectivos e recursos dispoñibles.

Promoción de valores
Difundir o traballo destas ONG e promover os valores do civismo, da liberdade, da tolerancia e da solidariedade entre os composteláns é a pretensión deste Foro e da Quincena da paz, en palabras de Guadalupe Rodríguez. Segundo di, "estes valores deben ser impulsados dende a educación, formal e non formal, e dende todos os poderes públicos, para que toda a cidadanía, comezando polos máis novos, participa na construción dun novo proxecto de convivencia, e dunha Compostela como cidade e encontro e convivencia de diferentes culturas".

Nesta edición do Foro participarán as seguintes ONG: Asemblea de Cooperación pola Paz, Axuda en Acción, Bicis pola Paz, Cáritas, Coopera, Coordinadora Galega de ONGD, Cruz Vermella, Educación sen Fronteiras, Entreculturas- Fe e Alegría, Enxeñería sen Fronteiras, Farmacéuticos Mundi, Foro de Inmigración, Fundación Rokpa, Jóvenes del Tercer Mundo, Mans Unidas, Médicos do Mundo Galicia, Médicos sen Fronteiras, Mi Perú, Panxea Asociación de Comercio Xusto, Seminario Galego de Educación para a Paz e Terra de Homes.

Compartir: