INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE

O Concello reúnese cos veciños para explicarlles as modificacións no tráfico por mor das obras do túnel do Hórreo

29/01/2009 O Concello e o Ministerio de Fomento deron conta, nunha reunión celebrada na Cámara de Comercio, das modificacións e alteracións na circulación que sufrirá a zona do Hórreo derivadas das obras de construción do túnel. Estaban convocados todos os presidentes das comunidades de veciños do ámbito, aínda que a sesión foi aberta e estiveron presentes todos aqueles que o desexaron.

Por parte do Concello asistiron o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, e a edil de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, que estiveron acompañados por un responsable do Ministerio de Fomento.

Así mesmo, participaron no encontro membros da Policía Local e da empresa adxudicataria da obra, para aclarar todas as dúbidas que sobre a mesma e os seus efectos no tráfico puideran xurdir.

Con esta reunión aberta queríase dar a coñecer aos veciños de Compostela, especialmente aos máis afectados, toda a información relativa ao acceso ás vivendas, aos cortes que se producirán e outros datos de interese relativos a esta operación que mellorará de forma considerable o tráfico da área.

Compartir: