COMERCIO

Promoción Económica reparte 5.000 catálogos de "Regalar custa pouco"

30/12/2008 A Concellaría de Promoción Económica e Comercio está a distribuir en Nadalxogo catálogos do programa Regalar custa pouco, que tamén se poden atopar en comercios, estabelecementos hoteleiros e oficinas de turismo. Este programa ten como obxectivo potenciar as compras nos establecementos comerciais da cidade durante o Nadal. As mellores propostas de agasallos presentadas polos comerciantes ao I Concurso catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco están recollidas nesta publicación, xunto á identificación do comercio no que se poden mercar.

O catálogo de Regalar custa pouco, que tamén se pode consultar na páxina web da, www.maiscompostela.org, recolle diferentes opcións de agasallos para Nadal cunha excelente relación calidade-prezo. Os produtos aparecen clasificados por rango de prezos, tal e como establecían as bases do concurso: ata 5 euros, ata 10, ata 20, ata 30, ata 50 e ata 100 euros. Cada comercio podía presentar unha candidatura por cada rango de prezos. Os produtos recollidos no catálogo figuran na oferta habitual do estabelecemento (excepto que se agoten as existencias) durante os días que dura a campaña de exposición e venda, que comenzou o 1 de decembro e remata o 5 de xaneiro.

Ao I Concurso catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco presentáronse 51 produtos pertencentes a 14 estabelecementos comerciais. O premio especial do xurado, de 750 euros, foi para o Surtido de bolas de chocolate Oceans, cun prezo de venda de 30 euros, pertencente ao estabelecemento Xocoátel. O segundo premio acadouno Xogo de tres botóns de madeira de buxo, cun prezo de venda de 4,20 euros, presentado por Noroeste, Xoias de autor. Na decisión do xurado tívose en conta a especialización dos produtos, a relación calidade-prezo e a novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes.

Ademáis, entre os estabelecementos participantes sorteáronse dez chegues de consultoría. Cinco deles eran para servizos de decoración e interiorismo, e os outros cinco cheques para servizos de deseño gráfico/imaxe corporativa. Tamén se sortearon sete paquetes de 15 cuñas de radio en diferentes emisoras locais entre os participantes.

Compartir: