XUNTA DE GOBERNO

Adxudicada a redacción de varios dos proxectos a executar cos fondos estatais extraordinarios

30/12/2008 A Xunta de Goberno local aprobou a contratación do servizo de redacción de distintos proxectos de obras que serán financiados polo Fondo Estatal de Inversión Local e o Fondo Especial do Estado para a dinamización da economía e do emprego. Na xuntanza tamén se deu o visto bo á prórroga dos contratos de xestión das escolas infantís de Conxo e Fontiñas e eleváronse a definitivas diversas adxudicacións de obras.

Os proxectos cuxa redacción se vén de encargar son os que afectan á reurbanización das rúas Pérez Constanti, Gómez Ulla, Laverde Ruíz, Neira de Mosquera e Santiago de Guayaquil, á renovación da rede de abastecemento e beirarrúas en Pontepedriña e á mellora das beirarrúas nas Cancelas e Meixonfrío. En total, a adxudicación da redacción destes proxectos supón un investimento de 107.770 euros máis IVE.

Estes proxectos son só algúns da lista total de dezaoito presentada recentemente polas voceiras socialista e nacionalista, Marta Álvarez-Santullano e Elvira Cienfuegos. Todas estas obras serán financiadas a cargo dos 16.585.924 euros outorgados a Santiago do Fondo e teñen que estar rematadas nun prazo máximo de doce meses.

Educación
O Goberno local tamén deu conta da prórroga dos contratos asinados coa empresa Anainar para a xestión dos servizos das escolas infantís municipais de Conxo e de Fontiñas. Esta prolongación establécese durante o tempo necesario para adxudicar o procedemento aberto en curso, que se estima inicialmente dun mes a contar desde o 28 de decembro de 2008.

Obras e Ano Santo
En materia de obras, elevouse a definitiva a adxudicación das obras da nova capa de rodadura nas parroquias de San Marcos,Villestro e Marantes. Estas actuación suporán un investimento de 177.027 euros máis IVE.

Tamén se converteu en definitiva a adxudicación do servizo de coordinación e supervisión dos proxectos derivados do convenio de colaboración entre a Consellería de Política Territorial e o Concello para cumprimentar as necesidades previstas pola celebración do Ano Santo 2010. O custo é de 59.400 euros máis IVE.

Compartir: