OFRENDA

Dolores Villarino invoca ao Apóstolo para "facer de Galicia un país moderno, plural, diverso, solidario e igualitario"

30/12/2008 A presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, realizou a tradicional Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, coa que se conmemora a translación dos seus restos. A delegada rexia citou no seu discurso cuestións de actualidade como a crise económica ou a violencia de xénero, e demandoulle ao Apóstolo a súa axuda para que Galicia siga avanzando.

Dolores Villarino comezou a súa invocación cun recordo ás terras de Palestina dende as que foi trasladado o Apóstolo e que estes días son tristes protagonistas da actualidade. Así, referiuse a este territorio como unha "terra que desafortunadamente, aínda hoxe, non alcanzou a paz nin o entendemento; que sofre a intolerancia entre iguais, a inxustiza e a barbarie terrorista".

Apelando á solidariedade "con aqueles que sofren a lacra da guerra, do terrorismo, do fanatismo e da tiranía", a delegada rexia rexeitou "calquera manifestación de violencia, como negación da dignidade humana, pero especialmente a que se exerce sobre os máis débiles".

En especial, lembrou "ás 76 mulleres que perderon a vida este ano vítimas do máis execrable dos crimes: o que se comete porque se lle nega á vítima a categoría de persoa, o que se comete coa intención de silenciar e de borrar, coa intención de facer invisible ao outro". Por iso, reafirmou "o compromiso nesta loita contra a violencia de xénero, Señor, porque cada morte nos fai más invisibles a todos nós".

Crise económica
Villarino referiuse tamén á crise económica, non sen antes facer un chamamento a que "a nosa lingua, a nosa cultura, os nosos costumes, que nunca foron motivo de confrontación, sexan o elemento indispensable, que reforza o noso orgullo de ser e sentírmonos galegos e galegas".

"Debemos tomar as mellores decisións en favor dos galegos e das galegas", dixo Villarino, quen insistiu na necesidade de "estar ao carón dos máis débiles, dos que menos teñen, dos que máis necesitan". Para logralo reclamou "o consenso, a unión, a altura de miras e o pensamento común de servir aos galegos e ás galegas".

Afirmou que resulta obrigado "un novo esforzo colectivo para a adopción de medidas imprescindibles para afrontar e superar o actual período de debillitamento da nosa economía". En particular, indicou, "debemos traballar na creación de emprego e na mellora da competitividade do noso sistema produtivo".

Proxecto solidario e integrador
A presidenta do Parlamento autonómico demandou tamén ao Apóstolo a súa intercesión para que "Galicia sexa un proxecto solidario e integrador; fagamos de Galicia un país moderno, plural, diverso, solidario e igualitario". Así, finalmente, expresou o compromiso de traballar "por responder aos problemas dos galegos e galegas, por estar á altura das súas inquedanzas, por facer realidade as súas metas".

Respondeu á ofrenda coa súa homilía o arcebispo compostelán, Julián Barrio, quen apelou "aos nosos gobernantes estatais, autonómicos e locais, acredores dunha responsabilidade política, social e cultural para que afronten con audacia e creatividade os problemas das persoas en paro e das familias que se ven afectadas pola crise económica, loitando contra a cultura da violencia e da morte e construíndo a solidariedade, o progreso e a paz entre os homes e os pobos cos principios de fraternidade e solidariedade, de austeridade e xenerosidade"

Como cada 30 de decembro, esta Ofrenda estivo acompañada duns actos protocolarios, que comezaron coa chegada da delegada rexia á praza do obradoiro, onde pasou revista ás tropas e saudou ás autoridades. A comitiva dirixiuse entón á Catedral compostelá. Tras a celebración da misa, a delegada rexia dirixiuse ao Concello, onde asinou no Libro de Honra e agradeceu a súa designación nunha breve intervención no Salón Nobre.

Á Ofrenda asistiron, entre outros, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras; os membros da Corporación municipal e varios conselleiros do Goberno galego.

Unha tradición de séculos
A cerimonia da Translación celébrase anualmente o 30 de decembro en recordo do traslado dos restos do Apóstolo Santiago desde o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón). Segundo a tradición, a Raíña Lupa, soberana das terras, enviou tropas en persecución da comitiva apostólica, que foi salvada por un milagre que afogou aos perseguidores nas augas do río Tambre.

A Raíña Lupa quedou tan abraiada por este feito que ofreceu a súa axuda aos discípulos para que puideran soterrar os restos do Apóstolo, que son trasladados nun carro tirado por bois que ao azar buscan o lugar para o repouso do fillo de Zebedeo. Tras deterse (sempre segundo a lenda) na fonte da actual rúa do Franco, os bois continúan o seu camiño ata quedar inmóbiles no lugar que dende aquela se denomina Libredón (Liberum domum, regalo libre), onde é soterrado e pasa ao esquecemento o Apóstolo ata o seu posterior descubrimento no ano 813 por un eremita.

O rei Alfonso VI realizou no ano 1109 a primeira ofrenda da Translación, entregando unha ducia de talentos de ouro e outra de marcos de prata. En 1642, baixo o reinado de Felipe IV esta cerimonia institucionalízase con carácter definitivo. Desde entón actúa como oferente o Rei ou un delegado rexio.

Compartir: