FESTAS

Uvas, cotillón e música en directo para dar a benvida ao 2009 en Praterías

29/12/2008 A praza de Praterías será un ano máis o lugar no que se desenvolverá a festa coa que despedirá o 2008 e se dará a benvida ao novo ano. Haberá uvas para acompañar as badaladas, cotillón, fogos de artificio e a actuación en directo da orquestra Nova Palma.

O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou o programa para esta noite do 31 de decembro, que comezará co reparto de 1.500 bolsas de cotillón ata dez minutos antes das doce da noite. Despois, un presentador dará as oportunas indicacións sobre os cuartos e as badaladas que soarán dende a torre da Berenguela da Catedral compostelá.

Despois das badaladas, fogos de artificio para recibir o novo ano e baile cotillón. A música poraa a Nova Palma, una das orquestras clásicas de Galicia, con xa 50 anos de historia. Os seus 11 integrantes interpretarán un programa de cancións especialmente escollidas para a data, con cumbia, salsa, pasodobre ou merengue, entre outro xéneros.

Esta é xa a novena edición consecutiva que a Concellería de Festas organiza esta festa de fin de ano. Dende o ano 2000, ano no que Santiago foi capital europea, esta celebración vénse desenvolvendo na praza das Praterías ou na Quintana, salvo un ano no que a festa se trasladou ao Ensanche.

Compartir: