ALCALDÍA

O Concello colabora con 13.000 euros na promoción do Bacharelato Internacional

28/11/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, asinaron un novo convenio de colaboración para a promoción e o mantemento do Bacharelato Internacional que se imparte no instituto santiagués desde 1.989. Esta colaboración enmárcase na política do Concello de potenciar todas as iniciativas que permitan mellorar as ofertas educativas, especialmente dirixidas aos composteláns máis novos.

Tras a sinatura deste acordo, Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción por colaborar cun programa como este que "permite unha oferta educativa de calidade nun centro público". Neste sentido, agradeceu ao Instituto Rosalía de Castro esa aposta "pola calidade e formación integral dos seus alumnos". Pola súa parte, o director do centro, Ubaldo Rueda, agradeceu a colaboración no tempo do Concello nun Bacharelato que neste curso 2008-2009 ten 45 alumnos. Acompañaron ao alcalde e a director a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, e a coordinadora deste programa educativo, Ana Quintáns.

O Bacharelato Internacional foi creado hai máis de trinta anos pola Organización do Bacharelato Internacional (OBI) que é unha fundación educativa privada non gobernamental, sen ánimo de lucro, recoñecida polo Consello de Europa. Ten a súa sede en Suíza e ofrece o Programa do Diploma para os estudantes dos dous últimos anos de educación secundaria. Conta co auspicio da Unesco e de importantes fundacións internacionais, ademais involucra aproximadamente a 1.000 colexios e institucións en máis de cen países.

O seu currículo prepara para a obtención do Diploma e para a obtención do Bacharelato LOXSE nunha condicións moi completas, que permite aos seus graduados cumprir cos requisitos de varios sistemas nacionais de educación. O modelo do seu programa de estudios non se basea no de ningún país, aínda que integra os mellores elementos de moitos deles.

Os obxectivos xerais do Bacharelato Internacional son os de formar estudantes cunha educación equilibrada, co fin de facilitar a súa mobilidade cultural e xeográfica e promover o entendemento internacional a través da participación nunha experiencia académica. Para participar nesta modalidade de bacharelato a OBI cobra unha serie de taxas de inscrición, de matrícula do alumnado e das materias cursadas.

Pago de taxas
O Concello de Santiago de Compostela aportará unha cantidade de 13.042 euros para sufragar os custes desta modalidade de ensino. Os gastos que se sufragarán son o pago de taxas de inscrición do centro, de matrícula de alumnos/as e por asignatura cursada.

A primeira promoción do Bacharelato Internacional do IES Rosalía de Castro comezou no curso escolar 1989-90 e actualmente son 18 as promocións que teñen saído nese centro.

Compartir: