EDUCACIÓN

O Concurso Literario Ánxel Casal premiou unha edición máis a seis novos creadores

28/11/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, entregaron os premios aos gañadores do XIII Concurso Literario Ánxel Casal nas súas modalidades de poesía, conto e teatro. Foi nun acto celebrado no Salón Nobre de Raxoi.

Na modalidade de poesía, o primeiro premio foi para Celia Parra Díaz, do IES As Lagoas de Ourense, co título Viaxe interestelar á utopía dos teus beizos. O xurado destacou desta obra "a incorporación da temática interestelar á poesía. O tema cósmico condensado nunha poesía, con imaxes estelares brillantes e acertos luminosos moi interesantes, con moitas referencias musicais e literarias".

En segundo lugar quedou Yuri Gómez González, do Instituto de Adultos Ingabad de Ourense, coa obra O refuxio dos espidos. Recoñécese así a elección de dous temas universais da poesía, o amor e a guerra, que aparecen aquí "plasmados e poetizados dunha maneira suxestiva, con madurez artística e emotiva".

Conto
A categoría de conto tivo como gañadora a Icía Meléndez Cabo, do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago, co título Segredos na soidade de ningures. O xurado apreciou nesta autora "a capacidade de non ser evidente, de evocar unha historia, de contar sen contar, como se fose un xogo de matriarcas".

O segundo traballo galardoado titúlase Madeira de escritora e foi realizado por Lorena Iglesias González, do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense. Nesta obra recoñeceuse o seu xogo literario, no que salienta "a intensidade e a intriga do relato, a ironía e a orixinalidade da anécdota que describe, ademais da relación que se establece entre o ser e o parecer".

Teatro
Na modalidade de teatro, o primeiro premio recaeu en Marcos Rodríguez Regueira, do IES Terra de Soneira de Vimianzo (A Coruña). A súa obra O ousado fidalgo Don Rodrigo de Almaceda foi cualificada polo xurado como "unha peza escénica ben estruturada e resolta cun ritmo pausado, na que se crea unha atmosfera escénica ben lograda".

Roberto Rodríguez Álvaro, do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, fíxose co segundo premio grazas á obra Patosoprimeirizo26 en Novoland. Este título "incorpora o mundo virtual e que abre novas posibilidades no mundo da lingua e do teatro".

Os primeiros clasificados en cada modalidade levan 1.000 euros, mentres que os segundos levan 700. Un bo estímulo para estes novos autores, que dan os seus primeiros pasos no mundo da literatura unindo o seu nome ao de Ánxel Casal, insigne galeguista que fora alcalde da cidade. A el débese a fundación das Irmandades da Fala e un importante labor como pedagogo, editor ou impresor de diversas publicacións en galego.

Tras entregar os premios aos gañadores, o alcalde felicitounos polos seus "excelentes traballos", ao tempo que os animou a "non perder a ilusión por desenvolver esa habilidade". Ademais, expresou a súa satisfacción porque "nesta época audiovisual se siga lendo e escribindo".

Compartir: