RÉXIME INTERIOR

Constituída a Comisión Especial de Queixas e Suxestións

28/11/2008 Baixo a presidencia do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, celebrouse en Raxoi a sesión constitutiva da Comisión Especial de Queixas e Suxestións. Nace así un órgano encargado de defender os dereitos dos veciños nas súas relacións coa Administración municipal.

A Comisión está formada polos concelleiros Rosa Fernández e Andrés Fariña en representación do PSOE; Amelia González e Jesús Galmallo polo PP, e Olga Pedreira como representante do BNG. Será a concelleira de Réxime Interior e Reforma Administrativa, Rosa Fernández, a que asuma a presidencia efectiva deste órgano.

Esta Comisión presentará un informe anual sobre as queixas e deficiencias observadas no funcionamento dos servizos municipais. Neste documento recollerase a tipoloxía das suxestións, reclamacións e queixas presentadas, así como as deficiencias observadas no funcionamento dos devanditos servizos.

O informe, que se elaborará no primeiro semestre de cada ano, será elevado ao Pleno e terá carácter público. Esta Comisión tamén pode facer informes extraordinarios e recomendacións xerais para a mellora dos servizos públicos e a atención ao cidadán.

A Comisión estará apoiada administrativamente pola Oficina de Queixas e Suxestións. Esta remitiralle cada mes un listado das reclamacións e suxestións coa indicación do servizo ou unidade de afectados, trámites realizados e solución adoptada.

Cómpre recordar que as queixas ou suxestión poderán presentarse presencialmente nas caixas de correo habilitadas para tal fin nos Rexistros do Concello e mesmo verbalmente na Oficina de Atención ao Cidadá. Ademais, haberá un apartado na Carpeta Cidadá da páxina web do Concello para este mesmo fin. Calquera destas queixas deberá ter resposta no prazo máximo de tres meses.

Compartir: