EDUCACIÓN

Un novo Programa de Educación para Adultos permitirá preparar a obtención do título de Graduado en ESO

27/11/2008 A Concellaría de Educación, a Consellería de Educación e o Centro de Educación de Adultos Radio ECCA poñen en marcha un Programa de Educación de Adultos. O seu obxectivo é a preparación para obter o título de Graduado en Secundaria nun ano e estudando na casa. O Concello cederá os espazos necesarios para que este programa se poida implantar en Santiago.

Estes cursos están pensados para persoas adultas que, polo seu traballo ou dedicación familiar, non poden asistir á clase todos os días. Os alumnos dispoñen de dúas titorías á semana, con material e profesorado especializado. A situación física do Centro ECCA en Santiago estará no colexio Apóstolo Santiago e na Escola de Música. O prezo é de 30 euros ao mes. Os interesados poden obter máis información no teléfono 679 624 601.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, destacou que este programa "era moi necesario en Santiago" e agradeceu a Radio ECCA a posibilidade de traelo á cidade. Ademais, lembrou o traballo que dende o Concello se vén facendo dende hai anos no eido da alfabetización e formación de habilidades.

Pola súa parte, a directora da Fundación Radio ECCA en Galicia, Carmen Díos, destacou que os cursos se dirixen a dous perfís principais. Por un lado están persoas moi novas que abandonaron a educación secundaria por terse incorporado moi pronto ao mercado laboral. As súas idades oscilan entre os 18 e os 23 anos. Por outra parte, está un grupo de mulleres de entre 35 e 50 anos, no que o seu abandono dos estudos tivo máis que ver coa vinculación ao ámbito familiar.

Xunto á concelleira e á directora de ECCA, estiveron na presentación deste novo programa a coordinadora provincial de Radio ECCA, Marisol Rodríguez, e a coordinadora en Santiago, Lucía Rodríguez.

Compartir: