TRANSPORTES

Tussa investirá 142.000 euros na renovación de 60 marquesiñas do rural

29/09/2005 A parada de Folgoso, en Figueiras, foi a marquesiña elexida para comezar a posta en marcha do plan posto en marcha pola empresa municipal Tussa, a través do cal se instalarán nun período de 3 anos 60 marquesiñas nas zonas rurais de Santiago, a razón de 20 marquesiñas ao ano.

O plan de colocación de 60 marquesiñas no rural está dotado dun total de 142.000 euros. Durante tres anos, iranse substituíndo as vellas marquesiñas, algunhas con máis de dez anos, por outras novas en zonas como Figueiras, Aríns, Son, Bando, Villestro, Santa Lucía e outras zonas do rural.

As novas marquesiñas veñen a substituír algunhas que tiñan máis de dez anos, segundo explicou Leiceaga, engadindo que é a renovación das marquesiñas é un xeito de "devolver o favor" aos composteláns que viven ás afóras de Santiago e que, ao desprazarse ao centro da cidade, teñen que pagar por aparcar nos parkings. Xa que logo, practicamente os beneficios de Tussa do 2004 "están invertidos aquí", explicou o concelleiro.

As localizacións axustaranse ás necesidades que poidan xurdir atendendo a criterios como o servizo ao que están destinadas, é dicir, transporte colectivo, transporte escolar ou especial, número de usuarios, estrutura xeográfica da zona, etcétera.

As marquesiñas son de taboleiros de resinas fenólicas denominados "trespa", irrompíbeis, e de vidro laminado tipo "Stadip" antifragmentación.

Por outra banda, actualmente estanse instalando sete novas marquesiñas urbanas, cinco do modelo máis estreito e adaptado á zona do Ensanche e a rúas estreitas, e dous do modelo actual que se están instalando na Avda. Mestre Mateo e na vía Pasteur no polígono do Tambre.

Compartir: