ALCALDÍA

Santiago recibirá 43 millóns de euros no 2006

29/09/2005 O alcalde compostelán manifestou a súa satisfacción ante o proxecto de Lei de Orzamentos Xerais que recolle un incremento substancial da dotación orzamentaria que recibirá Compostela no vindeiro ano.

O alcalde da capital galega, Xosé A. Sánchez Bugallo explicou que nos anos 2004 e 2005 a cidade recibiu 16 e 17 millóns de euros respectivamente, fronte aos 43 que recibirá nos 2006. Bugallo salientou que a totalidade de actuacións que se veñen tratando dende hai tempo co Ministerio de Fomento aparecen recollidas no proxecto de Lei.

Con respecto ás obras do aeroporto, Sánchez Bugallo explicou que contarán cun investimento de 155 millóns de euros, mentres que os seus accesos contarán con 20 millóns, en ambos casos "máis do inicialmente previsto" sinalou. Ademais, existe un compromiso para que a execución se anticipe en catro anos; na actualidade a redacción do proxecto, que custará oito mil euros, xa está licitada.

Os novos orzamentos estatais tamén recollerán unha dotación de dezaseis millóns de euros que para mellorar a rede de colectores e facer o novo saneamento. Para Sánchez Bugallo, isto é un adianto importante con respecto aos orzamentos precedentes e declarou que xa están redactados os proxectos da rede de colectores. Tamén está preparada e xa se fixeron públicas a declaración de impacto medio ambiental e a afectación de terreos.

Por outra banda, o Ministerio de Vivenda aportará tres millóns de euros en tres anualidades para as obras da Praza de Abastos. Sánchez Bugallo dixo que está a manter conversas para que o vindeiro ano o orzamento sexa maior e se poidan axilizar as obras e causar os menos trastornos posíbeis aos comerciantes da praza e aos consumidores.

Así mesmo, Sánchez Bugallo manifestou a súa satisfacción porque as actuacións recollidas no proxecto de Lei de Orzamentos son compromisos plurianuais o que, na súa opinión, "garante que nos próximos anos os compromisos con Santiago sexan máis e maiores".

O rexedor compostelán tamén explicou que xa están adxudicadas as obras da Alameda que teñen un prazo de execución de oito meses. Desde o Concello espérase que as obra rematen antes do previsto, porque de non ser así habería que paralizalas entre os meses de maio e xullo e reanudalas en agosto e setembro por mor dos festexos da cidade.

Bugallo aproveitou para anunciar a visita que o Presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, realizará o luns 3 de outubro a Compostela. Esta será a cuarta viaxe que o Presidente realice á cidade en menos de ano e medio. Nesta ocasión non só visitará Santiago senón que percorrerá outras zonas de Galicia, sobre todo do interior.

O rexedor compostelán manterá mañá, 30 de setembro, un encontro co Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez Fernández. Ademais, anunciou que nos próximos días rematará a rolda de conversas que está a manter con diferentes conselleiros e directores xerais para concretar os temas tratados na reunión mantida a principios do mes de setembro co Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

Compartir: