DEPORTE

A Fundación Compostela Deporte xa ten sede

28/09/2005 O alcalde compostelán e presidente do Padroado da Fundación Compostela Deporte, Xosé A. Sánchez Bugallo inaugurou a sede da institución, nun acto que contou coa presencia da conselleira de Cultura e Deportes, Ánxela Bugallo, o vicepresidente da Fundación e concelleiro de Deportes, Manuel Portas, así como de varios membros da corporación municipal, do Padroado, representantes das federacións e clubs deportivos de Compostela e do Consello Municipal de Deportes.

A partir de agora, a Fundación Compostela Deporte terá a súa sede na porta 16 do Campo de Fútbol de San Lázaro. Esta institución, nacida co obxectivo de coordinar os esforzos públicos e privados que se fan para promover e activar o deporte de base da cidade, tivo a súa reunión constitutiva da Fundación o pasado 2 de marzo deste ano.

Outra das funcións principais da Fundación Compostela Deporte é a de atraer eventos deportivos relevantes a Santiago, a fin de optimizar os recursos deportivos da cidade.

Entre os proxectos máis próximos da Fundación atópase a convocatoria de bolsas para deportistas individuais, axudas a entidades de base e un plan de voluntariado para a captación de árbitros de fútbol e de balonmán, dentro do seu plan formativo.

A Fundación Compostela Deporte está promovida polo departamento de Deportes e intégrana Ruafer, Caixanova, Noiamóvil-Noia-Star, El Correo Gallego, o grupo Agro, Aquagest e Alcampo.

Compartir: