CULTURA

O director arxentino Pablo Trapero será un dos Premios Cineuropa

31/10/2008 O festival de cinema Cineuropa, organizado pola Concellaría de Cultura, entregará un dos seus premios ao director de cinema bonaerense Pablo Trapero en compañía da súa compañeira Martina Gusmán. A súa quinta e última produción como director, Leonera (2008), estivo nominada á Palma de Ouro en Cannes e foi gañadora de catro premios no Festival de Lima/Encontro Latinoamericano de Cinema.

Leonera será proxectada o día 19 de novembro no Teatro Principal, como punto final da gala na que se fará entrega dun dos premios Cineurpa e á que asistirán os propios Pablo Trapero e Martina Gusmán, produtora e actriz de toda a filmografía do arxentino. O pase de Leonera en Cineuropa suporá a súa estrea en España.

Pablo Trapero e Martina Gusman son, actualmente, o autor e a intérprete latinoamericanos de maior proxección internacional. E da súa traxectoria en común destaca a súa perseveranza nun cine que toma o pulso aos humildes, aos desfavorecidos polo neoliberalisno, a quen porfían por tomar aire nunha marxe da economía globalizada.

A mirada de Pablo Trapero, dende o seu primeiro filme Mundo Grúa (1999) ata o último Leonera, céntrase naqueles que nunca probaron a "plata dulce" e loitan por manter o seu orgullo nas marxes dunha sociedade despótica cos menos afortunados. Ademais dos dous filmes xa mencionados, nesta edición de Cineuropa proxectarase tamén El Bonarerense (2002) e Familia Rodante (2004), abarcando así catro dos cinco filmes de Trapero como director.

Retrospectiva de Olivier Assayas
Outro dos contidos a destacar de Cineuropa 2008 é o repaso á filmografía do francés Olivier Assayas, na que poderemos asistir ao pase de obras como: L'Heure d'été (2007), Paris, je t'aime (2006), Clean (2004), Demonlover (2002), Les Destinées Sentimentales (2001), Fin Aoüt, debut September (1998), HHH: Un Portrait de Hou Hsiao-Hsien (1997), Irma Vep (1996), Une Nouvelle Vie (1993), Paris s’eveille (1991), L’enfant de l’hiver (1989) e Desorder (1986).

Cineuropa chega á súa XXII edición convertendo Compostela na capital do cine independente, social e de autor. No programa do festival, que se estenderá do 4 de novembro ao 3 de decembro, inclúense máis de 250 títulos, a cifra máis alta da historia do certame.

Compartir: