ALCALDÍA

Vía libre ás licenzas para unhas 400 vivendas en Lamas de Abade e no Castiñeiriño

31/10/2008 Tras a aprobación en Pleno dos estudos de detalle do SUNP-12 de Lamas de Abade e do SUNP-11 de Castiñeiriño, o Concello pode xa outorgar as licenzas para a construción de preto de 400 vivendas nestes dous ámbitos. Así o anunciou o alcalde na súa habitual rolda de prensa dos venres.

Segundo explicou Sánchez Bugallo, estes estudos de detalle eran necesarios para adaptar as prazas de garaxe ás normas do Hábitat e ao mesmo PXOM. Foi necesario realizar unha ampliación de pouco máis dun metro nos sotos destas vivendas, para poder incluír as prazas de garaxe estipuladas coas medidas mínimas. Nestes dous polígonos construiranse en total unhas 550 vivendas.

O alcalde anunciou tamén que a Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA) adxudicará a finais de novembro as obras de urbanización tanto do mencionado SUNP-12 de Lamas de Abade como do SUNP-5 da Muíña (San Lázaro). Presentáronse 27 ofertas para a primeira e 25 para a segunda.

No caso da Muíña, EMUVISSA ten xa adquirido máis do 99% da propiedade, mentres que en Lamas de Abade esta porcentaxe chega ao 90%, porque existe un problema coa propiedade duns 6.000 metros, nos que existe unha controversia entre os propietarios levada á vía xudicial.

No mesmo Consello de Administración de EMUVISSA aprobaranse os orzamentos desta entidade para 2009.

Acondicionamento da Selva Negra
O luns 3 de novembro, en calidade de presidente do Consorcio de Santiago, Sánchez Bugallo asinará un convenio coa concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, polo que o órgano interadministrativo transfire ao Concello 600.000 euros. Esta cantidade destinarase ao acondicionamento da Selva Negra e á construción dunha casa de madeira, con cafetería e outros servizos, no parque Eugenio Granell.

Compartir: