SERVIZOS

O transporte urbano reforza os seus servizos ao cemiterio de Boisaca

31/10/2008 Con motivo da festividade do 1 de novembro e por mor do notable incremento de visitantes que ten o cemiterio de Boisaca nestes días, a Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago (TUSSA), habilitou unha serie de servizos especiais. O horario do cemiterio ata o 2 de novembro é de 9.00 a 19.00 horas.

O día 31 de outubro e o día 1 de novembro, os servizos ao cemiterio de Boisaca serán cada 15 minutos dende as 08.30 horas con saída do Hospital Clínico e ata as 20.30 horas con saída do Cemiterio de Boisaca. Lembramos a todos os usuarios do transporte urbano que antes das 08.30 horas e despois das 20.30 horas a frecuencia será de 16 minutos, ao igual que o resto dos días laborables. Para máis información, os usuarios teñen á súa disposición o número de teléfono 901 120 054.

Datos estatísticos do cemiterio de Boisaca
Nos nove primeiros meses de 2008, o cemiterio de Boisaca rexistrou un total de 300 inhumacións e 40 incineracións. Na totalidade do 2007 realizáranse 470 inhumacións e 55 incineracións.

Os datos xerais do cemiterio indican que na actualidade conta con 8.659 sepulturas, 2.433 nichos e 168 panteóns construídos. Ata o 30 de setembro, houbo un total de 63 novas ocupacións: 29 nichos en aluguer, 10 nichos en concesión, 22 sepulturas en concesión e 2 cinerarios en concesión. Nestes intres están libres 146 nichos, 377 nichos cinerarios e 155 sepulturas. O cemiterio de Boisaca ten unha superficie total de 66.000 metros cadrados , dos cales 2.800 son terreo propio.

Nos nove primeiros meses de 2008 expedíronse 66 certificados de titularidade. Producíronse 74 cambios de titularidade de sepulturas, 6 de nichos e 3 de panteóns. A isto hai que engadir un total de 22 expedientes de traslado de restos.

Compartir: