PLENO

San Xoán Bautista dará nome á praza situada a carón do Colexio La Salle

30/10/2008 Praza de San Xoan Bautista de la Salle. Así pasará a denominarse a praza situada a carón do Colexio La Salle, colindante coa rúa Valle Inclán, segundo o acordo adoptado polo Pleno municipal.

A elección deste nome para a praza responde á propia historia do Colexio e á denominación do mesmo. Así, compre lembrar que, a finais do século XVIII, Xoán Bautista de La Salle transformou a educación do seu tempo, cambiando o modelo de escola na que se instruía "de un en un" para ensinar a toda unha clase á vez. Ademais, decidiu deixar de ensinar en latín para facelo na lingua propia.

Na actualidade, máis de 800.000 nenos e mozos de 80 países reciben a súa educación en escolas lasalianas, que promoven a gratuidade da educación, e contribúen ao crecemento persoal dos seus alumnos, estimulando a capacidade de creación, de iniciativa e o espírito crítico.

Con estes criterios, La Salle imparte ensino en Santiago de Compostela dende o ano 1923. Durante os primeiros anos, os irmáns de La Salle rexentaron a Escola da Inmaculada. Pero quedaban sen cubrir os estudos de segunda ensinanza. Co apoio e a colaboración dos Antigos Alumnos e a xenerosidade da escola dona Isabel García Blanco, o 27 de xullo de 1953, púxose a primeira pedra do que hoxe é o Colexio La Salle.

Durante máis de medio século este colexio exerceu de centro dinamizador da educación na cidade. Na actualidade o centro educativo La Salle conta con preto de millar e medio de alumnos, desde ensino infantil até bacharelato. Polas súas aulas teñen pasado moitas xeracións de compostelás, que hoxe poñen os valores aprendidos nesta escola ao servizo de toda a sociedade compostelá.

Moción a prol dun tren de cercanías
O Pleno municipal aprobou tamén por unanimidade unha moción, presentada polo BNG, na que se solicita ao Goberno español que non desmantele a infraestrutura ferroviaria do antigo trazado entre Santiago de Compostela e Vilagarcía, por considerar que esta infraestrutura poderá dar servizo a un futuro servizo de cercanías. Tamén se reclama que as Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, pendentes de aprobación, recollan este servizo de cercanías entre Santiago e Vilagarcía, como se prevé para a conexión Tui-Vilagarcía e A Coruña-Ferrol. Tamén se solicita a conexión do aeroporto de Lavacolla coa futura estación intermodal, tal como se recolle no PXOM.

Igualmente, acordouse iniciar contactos cos representantes dos concellos de Padrón, Ames, Teo, Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía, que son polos que pasa a vía actual, para tratar de potenciar este servizo. Paralelamente, trasladarase esta iniciativa ao presidente da Xunta e ás consellerías competentes.

Condena ao atentado terrorista
O Pleno comezou cunha condena da Corporación Municipal ao atentado terrorista acontecido en Pamplona, no que un coche bomba estoupou no aparcadoiro do campus da Universidade de Navarra.

Compartir: