EMPREGO

Subvención dun millón de euros para o Pacto Local polo Emprego

30/09/2008 A Xunta de Goberno deu o visto bo á subvención de 1.023.327 euros procedente do Fondo Social Europeo para financiar unha parte do Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela 2008-2011 (PLE), deseñado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Esta cifra supón o 80% da cantidade aprobada polo Ministerio de Administracións Públicas (MAP) para o desenvolvemento do proxecto. O outro 20% (255.831,76 euros) será aportado polo Concello de Santiago.

O Pacto Local polo Emprego do Concello de Santiago ten como finalidade reducir as taxas de desemprego a través da creación de emprego de calidade en coordinación cos axentes económicos e sociais vinculados ao desenvolvemento do mercado laboral en Compostela. Para acadar este obxectivo, o PLE aposta por desenvolver programas de formación e inserción sociolaboral utilizando un sistema de orientación profesional personalizado; por incrementar o volume de servizos persoais a nenos/as, maiores, persoas discapacitadas, coidadores/as, mellorando así a cualificación dos profesionais do sector dos servizos persoais; por favorecer a creación e desenvolvemento de novas empresas na cidade; e por acadar a concertación entre actores locais e destinatarios finais.

Todas estas accións están contempladas no deseño do pacto, que se estrutura en torno a dous eixos:

1. O Persoa IV, que se desenvolverá a través de Itinerarios integrados de inserción sociolaboral. Este programa experimental de emprego conta cun orzamento de 720.000 euros e ten unha duración de 24 meses. O seu obxectivo é promover a integración laboral, por conta propia ou allea, de persoas desempregadas, a través da súa participación nun proceso integral de inserción en ocupacións consideradas novos xacementos de emprego. Este itinerario contempla formación ocupacional, prácticas en empresas e apoio á colocación. Está previsto ca primeira fase do proxecto comece a desenvolverse nos próximos días coa selección de 120 usuarias/os, 15 máis ca no Persoa III.

2. O Plan de Acción Local polo Emprego, que é o instrumento a través do que se articulará o Pacto Local Polo Emprego. O seu obxectivo é integrar no Concello de Santiago as políticas de emprego que desenvolven os distintos axentes económicos e sociais que o asinen. O seu deseño contempla actividades formativas e xornadas informativas e de difusión que, segundo as previsións, chegarían a máis de 8.000 persoas.

Compartir: